Pestanas principais

As bibliotecas municipais presentan a programación de Dixicontos para este mes de marzo

Mércores, 03 de marzo de 2021

As bibliotecas municipais seguen a organizar unha serie de sesións de contacontos infantís na rede todos os mércores. Baixo o título de “Dixicontos”, os usuarios e usuarias poderán acceder a esta actividade a través da páxina de Facebook da biblioteca. Este mércores, 3 de marzo, pódese ver o conto Galo Quirico.

Tras a boa acollida que tiveron os Dixicontos os meses pasados, as sesións continuarán durante este mes de marzo. As animadoras á lectura da Biblioteca Municipal de Ames, Bibiana Calvo Ares e Divina Fernández Canosa, asómanse cada mércores, dende o pasado mes de novembro, a fiestra do Facebook das bibliotecas para seguir animando á rapazada amesá a ler, escoitar e desfrutar das historias que contan os libros. Fano a través da rede, ampliando ademais deste xeito as posibilidades de aforo ilimitado que supón esta vía de comunicación.

As sesións do mes de marzo comezan hoxe mércores 3 co conto Galo Quirico. Continúan o día 10 de marzo co conto Maruxa. O día 17 as animadoras á lectura narrarán El pastel está tan arriba, e o mércores 24 farase un recitado de poesía. Para pechar a programación do mes de marzo, os nenos e nenas de Ames poderán desfrutar do conto Animais de compañía, o mércores 31 de marzo.

Máis de 1.000 visualizacións por vídeo
Os contos a través da páxina de Facebook comezaron no confinamento da primavera e mantéñense desde o outono ao non se poder realizar actividades presenciais na biblioteca. Agora mesmo, todos os mércores, publícase un novo vídeo, cuxo contido transmite sempre o valor dos libros e da lectura.

Nestes momentos a “Biblioteca de vídeos” contén máis de 70 audiovisuais cos contacontos infantís narrado polas animadoras da biblioteca e os vídeos das actividades que realizaron de maneira virtual con motivo das letras galegas, contacontos para persoas adultas e vídeos de agasallo como o do Apalpador. Os contacontos infantís das nosas animadoras conteñen máis de 40 vídeos que continúan a ser moi visitados. Hai nenas e nenos que están esperando oír os “Contos contiños” da Biblioteca todas as semanas e moitas das entregas superan as 1.000 visualizacións ao longo do tempo.

A páxina de Facebook da Biblioteca xa conta con 850 seguidores e sigue medrando pouco a pouco xa que comezaron en marzo de 2020 con pouco máis de 600 usuarios/as. Desde o confinamento, e ao levar actividades ao Facebook, aumenta o número de seguidores que tamén quere estar ao día dos horarios e consultar sobre os servizos desde esta páxina.

A concelleira de Cultura e responsable do servizo de Bibliotecas está “encantada de ver como cada día se suman máis pequenos e pequenas a esta fiestra que nos abren as animadoras á lectura. As bibliotecas de Ames desde o seu inicio sempre foron un referente para todos os nosos veciños e veciñas, e agora estamos a medrar nas redes con toda estas novidades ás que nos vamos adaptando debido á situación que estamos a vivir”.

Dixicontos