Pestanas principais

As Bibliotecas municipais poñen en marcha a iniciativa “Vive o Nadal nas librarías de Ames”

Venres, 11 de decembro de 2020

A Concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, responsable do departamento de Bibliotecas, vén de presentar  unha nova iniciativa denominada “Vive o Nadal nas librerías de Ames”. Trátase dunha campaña pensada como actividade de animación á lectura e de impulso do comercio nas librarías do concello de Ames. As librarías participantes son Lenda, Máinomen e Huargo Artis, situadas en Bertamiráns, e maila papelería O Tinteiro, do Milladoiro. Deste xeito, desde o 14 de decembro e ata o 5 de xaneiro cada persoa que faga algunha compra nalgunha destas librarías (compra de libros sen prezo mínimo) pode participar no sorteo dun vale de 25 euros para canxear ata o 16 de xaneiro na librería que realizou a compra. En total, repartiranse 800 euros divididos en 32 premios de 25 euros cada un.

Coa finalidade de beneficiar ao pequeno comercio local, neste caso ás librarías, e fomentar a lectura entre a veciñanza, o Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas municipais, organiza  a iniciativa “Vive o Nadal nas librarías de Ames 2020”.

Poderán participar todas aquelas persoas que realicen compras de libros nas librarías participantes durante o período comprendido dende o 14 de decembro de 2020 ata o 5 de xaneiro de 2021. Todas elas poderán gañar un dos 32 premios que se reparten de 25 euros cada un. As librarías participantes son papelería O Tinteiro, no Milladoiro, e, en Bertamiráns, as librarías Lenda, Máinomen e Huargo Artis.

Por cada compra de libros, o establecemento entregará unha papeleta na que o/a cliente anotará os seus datos persoais e de contacto (nome, apelidos, DNI, email e teléfono de contacto). Posteriormente, depositará a papeleta nunha urna situada na propia libraría. A biblioteca sorteará oito premios de 25 euros por cada unha das librarías participantes, para canxear no mesmo establecemento ata o día 16 de xaneiro.

Natividade González, concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, e Xoán Manuel Pérez, persoal das bibliotecas municipais, visitaron este días as librerías implicadas nesta iniciativa. Natividade González explica que “se trata dunha nova iniciativa coa finalidade de fomentar a lectura e promover o uso das librarías locais, colaborando así co sector do libro ante a difícil situación derivada da Covid-19. As persoas que compren nalgunha das librarías de Ames que participan nesta campaña, poderán gañar un dos 32 premios de 25 euros cada un”.

O sorteo dos premios será o 8 de xaneiro
O 7 de xaneiro recolleranse as urnas de cada unha das librerías participantes e o venres, 8 de xaneiro, ás 12.00 horas, farase un sorteo público nas bibliotecas municipais (do Milladoiro e de Bertamiráns), para coñecer os/as gañadores/as dos 32 premios de 25 euros para canxear no mesmo establecemento ata o 16 de xaneiro de 2021. Os días 8 e 9 de xaneiro dende o servizo de Bibliotecas poñeranse en contacto coas persoas gañadora para entregarlle o vale pola cantidade premiada.

Cada participante só poderá recibir un único premio e, en caso de que a mesma persoa resulte agraciada no sorteo máis dunha vez, non será válido e volverase a repetir o sorteo para escoller unha nova persoa premiada. Non poderá participar no sorteo nin o persoal das bibliotecas nin o dos establecementos participantes. As persoas premiadas deberán canxear o vale por libros, no mesmo establecemento no que depositaron a papeleta, ata o 16 de xaneiro.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames oferta conciliación para comprar y bonos para librerías"

Revista AmesGo: "Aposta municipal pola lectura no Nadal"

 

Imaxe da visita ás librerías implicadas na campaña

Multimedia

  • Imaxe da visita ás librerías implicadas na campaña
  • Imaxe da visita ás librerías implicadas na campaña
  • Imaxe da visita ás librerías implicadas na campaña
  • Imaxe do cartel da campaña Vive o Nadal nas librerias de Ames
  • Imaxe do cartel da campaña Vive o Nadal nas librerias de Ames
  • Imaxe do cartel da campaña Vive o Nadal nas librerias de Ames