[15-01-2015] As bibliotecas municipais continúan programando novas actividades de animación á lectura para nenos e nenas maiores de tres anos. A vindeira semana celebraranse varias sesións de contacontos en distintas parroquias de Ames.
As xornadas comezan o luns 19 no local social de Augapesada e continuarán o martes 20 no local social de Bugallido. O mércores 21 e o xoves 22, as sesións trasladaranse ás bibliotecas de Bertamiráns e Milladoiro.
A actividade iniciarase ás 18:00 horas e a temática escollida nesta ocasión é ‘Que hai no ceo’. Deste xeito, os participantes poderán escoitar as fermosas historias de títulos como Vestida co arco da vella, de Antón Cortizas, O arco da vella, de Xoán Babarro e Carmen Queralt ou O arco da lúa, de Txabi Arnal.
Esta iniciativa ten como obxectivo espertar o gusto e hábito pola lectura nos máis pequenos e convertir a biblioteca nun lugar de encontro e axeitado para satisfacer as necesidades e inquedanzas sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amesá.
A entrada é libre e gratuíta.




