Pestanas principais

As Bibliotecas Municipais ofrecen obradoiros e xogos durante o mes de abril para celebrar o Día do Libro

Martes, 12 de abril de 2016

[12-04-2016] O Día do Libro, celebrado o 23 de abril, chega ás Bibliotecas Municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, que durante este mes de abril ofrecerán unha programación especial con obradoiros de marcapáxinas, xogos literarios e unha maratón de contos. Ademais destas actividades as Bibliotecas continúan ofrecendo á veciñanza máis nova a actividade mensual de Animación á Lectura con contacontos.

Para participar nas actividades da programación especial das biblioteca neste mes do libro é necesaria a inscrición. As persoas interesadas poden anotarse nas propias Bibliotecas Municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, situadas na Casa da Cultura de Bertamiráns e na rúa Raxoeira, respectivamente. Todos os obradoiros e outras actividades son gratuítos.

Este xoves 14, ás 18:00 horas, a Biblioteca de Bertamiráns acolle a primeira actividade do mes do libro, un obradoiro de marcapáxinas para nenas e nenos de 3 a 7 anos. O venres 15, ás 18:00 horas, nenas e nenos de 8 a 12 anos poden participar no Obradoiro de xogos literarios que terá lugar tamén nesta biblioteca. As persoas interesadas en participar en calquera das dúas actividades poden anotarse entre o día 6 e o 13.

O luns 18 as actividades trasládanse á Biblioteca do Milladoiro. A primeira será un obradoiro de marcapáxinas, que terá lugar ás 18:00 horas e no que poden participar nenos e nenas de 3 a 7 anos. O martes 19, tamén na Biblioteca do Milladoiro e tamén ás 18:00 horas organízase un obradoiro de xogos literarios para rapazas e rapaces de 8 a 12 anos. O prazo de inscrición para ambas actividades comeza o 6 de abril e remata o día 14.

O venres 22 de abril, data previa ao Día do Libro, terá lugar tanto na Biblioteca de Bertamiráns como na do Milladoiro unha maratón de contos. A actividade comezará ás 17:30 horas e o prazo de inscrición abre o 6 e pecha o día 21 deste mes. Nesta maratón poden ler contos todas aquelas persoas que queiran participar, facéndolle saber de antemán á organización das Bibliotecas cale é o conto escollido para a lectura, de xeito que non se repitan.

Actividades de Animación á Lectura e contacontos nas Bibliotecas Municipais
As dúas primeiras sesións das Actividades de Animación á Lectura tiveron lugar a semana pasada. As segundas sesións deste mes de abril desenvolveranse o mércores 20 de abril ás 18:00 horas na Biblioteca de Bertamiráns e o xoves 21, á mesma hora pero na Biblioteca do Milladoiro. Esta actividade é dirixida a nenas e nenos de máis de 3 anos é gratuíta e non precisa dunha inscrición previa. Os contos escollidos para estas sesións enmárcanse na temática "Bo proveito".

No mes de abril o contacontos Dada o Duende visitará as Bibliotecas do Milladoiro, o mércores 27 ás 18:00 horas, e de Bertamiráns, o venres 28 á mesma hora. Para participar nesta actividade tampouco é necesario inscribirse.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"As bibliotecas amienses celebran o mes do Libro con obradoiros e xogos"