Pestanas principais

As bibliotecas municipais de Ames presentan a programación de Dixicontos para o mes de maio

Mércores, 05 de maio de 2021

As bibliotecas municipais seguen a organizar unha serie de sesións de contacontos infantís na rede todos os mércores. Baixo o título de “Dixicontos”, os usuarios e usuarias poderán acceder a esta actividade a través da páxina de Facebook da biblioteca. Este mércores, 5 de maio, pódese ver o conto “Coco y la luna “, de Emilio Urberuaga.

Tras a boa acollida que tiveron os Dixicontos os meses pasados, as sesións continuarán durante este mes de maio. As animadoras á lectura da Biblioteca Municipal de Ames, Bibiana Calvo Ares e Divina Fernández Canosa, asómanse cada mércores, dende o pasado mes de novembro, a fiestra do Facebook das bibliotecas para seguir animando á rapazada amesá a ler, escoitar e desfrutar das historias que contan os libros. Fano a través da rede, ampliando ademais deste xeito as posibilidades de aforo ilimitado que supón esta vía de comunicación.

As sesións do mes de maio comezan hoxe mércores 5 de maio co conto “Coco y la luna “, de Emilio Urberuaga. Continúan o día 12 de maio co conto “La vocecita”, de Michael Escoffier . O día 19 as animadoras á lectura narrarán “Riciños de oso”, e o mércores 26 lerase o clásico dos “Os tres porquiños”.

Máis de 1.000 visualizacións por vídeo
Os contos a través da páxina de Facebook comezaron no confinamento da primavera do pasado ano e mantéñense desde o outono ao non se poder realizar actividades presenciais na biblioteca. Agora mesmo, todos os mércores, publícase un novo vídeo, cuxo contido transmite sempre o valor dos libros e da lectura.

A páxina de Facebook da Biblioteca xa conta con 1.705 seguidores e sigue medrando pouco a pouco xa que comezaron en marzo de 2020 con pouco máis de 600 usuarios/as. Desde o confinamento, e ao levar actividades ao Facebook, aumenta o número de seguidores que tamén quere estar ao día dos horarios e consultar sobre os servizos desde esta páxina.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Dixicontos online e Foliada con Apego na Peregrina"

La Voz de Galicia: "Dixicontos desde casa, la receta de las bibliotecas de Ames para leer en pandemia"

Dixicontos

Multimedia

  • Dixicontos