Pestanas principais

As bibliotecas municipais acollerán a representación da obra de teatro “O valo”

Sábado, 08 de abril de 2023

O departamento de bibliotecas de Ames propón dúas sesións de teatro para o mes de abril. A obra “O valo” será representada o venres 14 na biblioteca do Milladoiro, e o xoves 20 na de Bertamiráns. Trátase dun espectáculo infantil baseado no texto homónimo de Carlos Labraña, que gañou o IX Premio Manuel María de Literatura dramática infantil. A entrada é libre ata completar aforo. 

“O valo” narra unha historia no medio do deserto. O Soldadiño de Chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame xusto no punto no que o mapa marca a fronteira. Do outro lado, Sáhara, unha rapaza que fuxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, posto que está procurando un pozo no que saciar a súa sede.

A obra, que ten a guerra de Siria como pano de fondo, busca facer reflexionar sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades. Nela abórdase o encontro entre dous mundos, dúas realidades e dúas consciencias encarnadas en dous personaxes ben distintos. Fronte ao pensamento patético e torpe do soldadiño, que obedece a ordes dos seus superiores dende a fe cega do que sempre lle dixeron que tiña que facer, o público atopará a sensibilidade de Sáhara, unha rapaza que foxe da guerra e recibiu tantos paus na vida que poucas cousas poden detela.

A forza e a dignidade da nena refuxiada farán reflexionar aos espectadores en contraste co soldado, cuxo corazón se debate entre a obediencia e a fraternidade, que o impulsa a romper todos os valos.

A representación correrá a cargo de Os Furabolos, que actuará na biblioteca do Milladoiro o venres 14 de abril e na de Bertamiráns o xoves, día 20, ás 17:30 horas en ambas xornadas. O grupo está conformado polo propio autor de “O valo”, Carlos Labraña, e por Paula Castro. Dende a súa creación, no ano 2016, teñen interpretado numerosas obras, como “O apalpador” (2017), ou A pequena compaña (2919).

A entrada para ámbalas dúas sesións é libre e de balde ata completar aforo.

Cartaz da obra de teatro "O valo"

Multimedia

  • As bibliotecas municipais acollerán a representación da obra de teatro “O valo”