Pestanas principais

As bibliotecas municipais acollen este mes cinco sesións de contacontos

Luns, 31 de outubro de 2016

[31-10-2016] A programación infantil do mes de novembro ofrece ás nenas e nenos de Ames cinco sesións de contacontos diferentes. As dúas primeiras terán lugar esta semana, o mércores 2 na biblioteca municipal de Bertamiráns e o xoves 3 na do Milladoiro. Como todas as actividades de contacontos das bibliotecas a asistencia é de balde e non precisa de inscrición previa. As lecturas comezan sempre ás 18:00 horas e están dirixidas a crianzas de entre 3 a 8 anos.

Este mércores 2 de novembro a biblioteca municipal de Bertamiráns acolle a primeira das sesións de contacontos deste mes. Terá lugar a partir das 18:00 horas, está dirixida a nenas e nenos de 3 a 8 anos e a participación é libre e gratuíta. A temática dos contos escollidos xira en torno á integración: “Cabemos tod@s”. As mesmas lecturas dramatizadas repetiranse no mesmo horario na biblioteca municipal do Milladoiro este xoves 3.

Ao longo do mes haberá tres sesións máis de contactos. Todas elas serán de balde e á mesma hora: as 18:00 horas. A segunda actividade deste tipo, “Nada é o que parece”, organízase na biblioteca de Milladoiro o mércores 16 e na de Bertamiráns o xoves 17. A temática destas dúas datas, xirará en torno a contos protagonizados por personaxes nada típicas. Para rematar o mércores 30 de novembro a biblioteca de Bertamiráns acolle a lectura dramatizada de “Princesas, cabaleiros e familias sorprendentes”: contos que rompen cos estereotipos de xénero. No Milladoiro esta sesión celebrarase o xoves 1 de decembro.

Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Las bibliotecas ofrecen este mes cinco sesiones de cuentacuentos"