Pestanas principais

As bibliotecas de Ames programan en marzo tres actividades de animación á lectura para o público infantil e xuvenil

Martes, 01 de marzo de 2022

Xa están abertas as inscricións das tres propostas para a rapazada do Departamento de Bibliotecas amesán para este mes de marzo. A sesión de contacontos para crianzas de 3 a 8 anos “Historias que non son o que parecen”, actividades polo Día da Poesía e un obradoiro de banda deseñada, dirixido á rapazada da ESO e de 3º a 6º de primaria, son as tres actividades deste mes. Todas realizaranse por duplicado nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, cos seus respectivos horarios.

Para reservar praza nestas sesións de animación á lectura, de aforo limitado, cómpre poñerse en contacto co Departamento de Bibliotecas de Ames, a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal. Por outra banda, pódese solicitar a inscrición falando directamente coa biblioteca á que se desexe asistir: para a biblioteca do Milladoiro, consultando no 981 53 08 07, mentres que para a de Bertamiráns, chamando ao 981 88 48 29.

Historias que non son o que parecen

“Historias que non son o que parecen” é a segunda sesión de contacontos de 2022 para crianzas de 3 a 8 anos nas bibliotecas amesás. Como é habitual, haberá tres citas de narrativa oral tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, sempre a partir das 17:30 horas. No Milladoiro a actividade desenvolverase os días 8, 9 e 10 de marzo, mentres que en Bertamiráns parará os días 22, 23 e 24.

O prazo de inscrición xa está aberto para as sesións na biblioteca do Milladoiro, dende este mesmo 1 de marzo e ata o día 5, chamando ao 981 53 08 07 ou enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.

Pola súa banda, as inscricións para a biblioteca de Bertamiráns abrirán do luns 14 ao sábado 19 de marzo, para as que haberá que chamar ao 981 88 48 29, ou ben enviar un correo a biblioteca@concellodeames.gal.

Obradoiro de banda deseñada

As inscricións tamén están abertas dende hoxe para uns obradoiros de banda deseñada, dirixidos á rapazada da ESO e de 3º a 6º de primaria. Os talleres desenvolveranse no Milladoiro o venres 11, ás 17:30 horas para nenas e nenos de 3º a 6º de primaria e ás 19:30 horas para o alumnado da ESO. En Bertamiráns, as sesións terán lugar o sábado 12, ás 10:30 horas para cativada de 3º a 6º e ás 12:30 horas para as mozas e mozos da ESO.

O obradoiro estará impartido por Tomás Guerrero, escritor de bandas deseñadas, ilustrador e animador 3D, que conta historias a través de imaxes e traballa neste sector dende 1995, con empresas a nivel nacional e internacional.

Ata o 9 de marzo, pódese reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.

Actividades polo Día da Poesía

Co gallo da celebración do Día da Poesía o 21 de marzo, as bibliotecas organizan “Convértete en artista!”, un obradoiro de creación de poemas e estampado nunha bolsa para libros, dirixido a nenos e nenas de 3º a 6º de primaria. A actividade terá lugar o no Milladoiro o venres 18, ás 17:30 horas, mentres que en Bertamiráns será o día seguinte, o sábado 19, ás 11:30 horas.

Para este taller, poderase reservar praza do 7 ao 16 de marzo, enviando un correo a biblioteca@concellodeames.gal, ou contactando por teléfono á biblioteca do Milladoiro, no 981 53 08 07, ou á de Bertamiráns, no 981 88 48 29.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Bibliotecas por la poesía se abren al mundo del cómic y los cuentacuentos"

As bibliotecas de Ames programan en marzo tres actividades de animación á lectura para o público infantil e xuvenil

Multimedia

  • Historias que non son o que parecen
  • Obradoiro de banda deseñada
  • Actividades polo Día da Poesía