Pestanas principais

As bibliotecas de Ames presentan a súa programación de outono

Mércores, 13 de setembro de 2023

O departamento de Bibliotecas de Ames vén de anunciar a súa programación infantil para os meses de outubro, novembro e decembro de 2023. Haberá tanto obradoiros para a rapazada como sesións de narración oral para os máis cativos e cativas, que terán lugar tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns. O prazo para inscribirse no taller “Unha aventura na biblioteca" xa está aberto ata o 20 de setembro. 

Co inicio do curso lectivo e a chegada do outono, as bibliotecas amesás poñen en marcha de novo a súa programación habitual, que inclúe propostas de animación á lectura para público infantil. Nesta ocasión haberá seis iniciativas de narrativa oral e obradoiros ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. As actividades desenvolveranse tanto na biblioteca do Milladoiro como na de Bertamiráns.

Sesións de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos
Ao longo do último trimestre do ano, as bibliotecas amesás celebrarán tres sesións de narrativa oral dirixidas a crianzas de 3 a 8 anos. Serán sempre a partir das 17:30 horas, e realizaranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, en días distintos e con datas de inscrición independentes.

Neste senso, a primeira actividade será “Merenda de contos”, que terá lugar os días 3, 4 e 5 de outubro na biblioteca do Milladoiro e os días 17, 18 e 19 en Bertamiráns. As inscricións para participar na sesión do Milladoiro abrirán dende o 25 ata o 30 de setembro. Pola súa banda, para Bertamiráns poderase realizar a inscrición do 9 ao 14 de outubro.

A proposta correspondente ao mes de novembro será “Contar e contar”, que se desenvolverá os días 14, 15 e 16 no Milladoiro e o 28, 29 e 30 de novembro en Bertamiráns. Neste caso, as inscricións abrirán do 6 ao 11 de novembro para a actividade no Milladoiro e do 20 ao 25 de novembro para a sesión en Bertamiráns.

Por último, a última sesión do ano será “Contos de Nadal”. Ao igual que as demais actividades desenvolverase en tres xornadas, os días 12, 13 e 14 de decembro no Milladoiro, e o 19, 20 e 21 de decembro en Bertamiráns. Para inscribirse, o prazo estará aberto do 1 ao 7 de decembro para a biblioteca do Milladoiro, mentres que en Bertamiráns o período para anotarse será do 11 ao 16 de decembro.

Para anotarse é preciso chamar aos números de teléfono 981 53 08 07 (no caso de querer participar nas propostas da biblioteca do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de querer participar nas propostas da biblioteca de Bertamiráns). Tamén se pode escribir ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando nome, apelidos e idade dos nenos/as participantes e un número de teléfono de contacto.

Por outra banda, o departamento de Bibliotecas organiza outro contacontos no mes de setembro, “Animais do bosque”. Trátase dunha proposta de balde para a que non é preciso reservar praza. Terá lugar o mércores, día 20, na biblioteca do Milladoiro; e o xoves, día 21, na de Bertamiráns; ás 17:30 horas en ámbalas dúas xornadas.

Obradoiros para a rapazada a partir de 3º de Primaria
Ademais das sesións de narrativa oral, as bibliotecas organizan tamén diversos obradoiros para as crianzas a partir de 3º de Primaria. Neste caso, as propostas celebraranse sempre os venres ás 17:30 no Milladoiro, e os sábados ás 11:30 horas en Bertamiráns.

O primeiro taller “Unha aventura na biblioteca”, terá lugar o venres 22 de setembro no Milladoiro e o sábado 23 en Bertamiráns. As inscricións para esta actividade xa se poden realizar para ambas bibliotecas do 11 ao 20 de setembro. Hai 10 prazas dispoñibles.

Xa en outubro, realizarase o obradoiro “Desprega a túa imaxinación”, que se desenvolverá o venres 20 no Milladoiro e o sábado 21 en Bertamiráns. O prazo para inscribirse abrirá do 9 ao 18 de outubro.

O procedemento para anotarse é o mesmo que para participar nas sesións de narración oral: chamar aos números 981 53 08 07/981 88 48 29 ou escribir ao correo biblioteca@concellodeames.gal.

Cartaz da programación das bibliotecas para o último trimestre do 2023

Multimedia

  • Cartaz da programación das bibliotecas para o último trimestre do 2023