Pestanas principais

A biblioteca programa para esta semana dúas presentacións de libros, un obradoiro infantil e continúa co concurso de debuxo e o sorteo de libros

Martes, 13 de abril de 2021

O Pazo da Peregrina acolle este xoves, 15 de abril, a presentación de “Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Pardo Bazán”, das escritoras Marilar Aleixandre e María López Sández, e o venres, 16, a de “O sono de Liam” de David Navarro. O obradoiro “Autores con pegada”, dirixido a nenos e nenas de 3º e 4º de Primaria, o sorteo de libros que continúa até o 24 de abril e o concurso de debuxo cuxo prazo remata o 21 de abril complementan a programación da biblioteca municipal para esta semana.

A concelleira de Cultura, Natividade González, será a encargada de presentar á veciña de Ames, María López Sández, e a Marilar Aleixandre, este xoves 15 de abril, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina. Ámbalas dúas escritoras presentarán a obra que escribiron a catro mans sobre a figura e a obra de dona Emilia Pardo Bazán, “Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Pardo Bazán”. No acto intervirá a tamén escritora e veciña de Ames, Anna R. Figueirido, na actualidade vicepresidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Un día máis tarde, o venres 16 de abril, a concelleira volverá ao Pazo da Peregrina para presentar, ás 17:30 horas, ao tamén veciño de Ames, David Navarro, que escribiu “O soño de Liam”, unha obra que no marco da afección ao baloncesto fala dos soños e de coma estes poden chegar a facerse realidade.

Ademais o sábado ,17 de abril, ás 11.30 horas na biblioteca do Milladoiro terá lugar o obradoiro “Autores con pegada”, dirixido a nenos e nenas de 3º a 6º de primaria. As inscricións para este obradoiro están abertas até o 15 de abril.

Concurso de debuxo e sorteo de libros
Nesta segunda semana do mes do libro en Ames, as librarías Máinomen, Lenda e Huargo Artis de Bertamiráns e O Tinteiro e Nenos Nais de Milladoiro continúan entregando vales para o sorteo de libros que se levará a cabo a partir do día 24 de abril e continúa aberto o prazo para participar no concurso de debuxo que organiza a biblioteca e que tamén terá como premio para os gañadores/as lotes de libros.

A concelleira de Cultura, Natividade Gonzalez, explica que este ano a programación esténdese durante todo o mes, compensando a ausencia do acto central de “Literatura na praza” que se viña desenvolvendo outros anos: “Este ano, por mor da situación sanitaria que estamos atravesando, non podemos facer un acto que congregue a tanta xente, polo que decidimos estender a celebración en distintos espazos e con distintos formatos de xeito que o mes do libro e a mensaxe de motivación á lectura chegue a todas as idades e a todos os sectores”.

Cartaz mes do libro

Multimedia

  • Presentación Movendo marcos
  • Presentación Osoño de Liam