Pestanas principais

A biblioteca municipal remata o curso con novas sesión de contaconstos e un concurso de debuxo con motivo do 20 aniversario de Manolito Gafotas

Xoves, 12 de xuño de 2014

[12-06-2014] No mes de xuño remata a programación de contancontos que organizou a Biblioteca municipal de Ames ao longo do curso 2013-2014. Durante este mes a temática dos contos xirará arredor do verán e das vacación que están a piques de comezar para todos os nenos e nenas de Ames. As novas sesións de contacontos desenvolverase nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas que teñen máis de 3 anos. Ademais, durante este mes estase desenvolvendo un concurso de debuxo con motivo do 20 aniversario de Manolito Gafotas. Os debuxos poderán entregarse ata o vindeiro venres 20 de xuño.

Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.

Este curso os contos non se centraron nunha única temática senón que durante cada mes abordouse un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Durante o mes de xuño haberá novas sesións de contacontos que tratarán sobre a chegada do verán e as vacacións. Estas sesións de contacontos comezan o luns, 16 de xuño, no local social de Augapesada, e continuarán o martes, 17 de xuño, no local social de Bugallido. O mércores 18 de xuño tocaralle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 19 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns. Todas as sesións de contacontos comezan ás 18:00 horas.

Concurso de debuxo sobre Manolito Gafotas
Ademais, durante este mes de xuño a Biblioteca municipal de Ames puxo en marcha un concurso de debuxo para conmemorar o 20 aniversario de Manolito Gafotas. Os debuxos poderán entregarse ata o vindeiro venres, 20 de xuño, nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro.

Entre todos os debuxos recibidos seleccionaranse os tres máis orixinais. Haberá tres categorías de idade: de 3 a 6 anos, de 7 a 9 anos e de 10 a 12 anos. Cada participante deberá poñer o seu nome e o seu teléfono na parte de atrás do debuxo. Os/as ganadores/as recibirán un lote de libros. Os premios entregaranse o mércores, 25 de xuño, na Biblioteca do Milladoiro, coincidindo coa xornada de portas abertas que se realizará para inaugurar o novo local da biblioteca desta localidade.