Pestanas principais

A biblioteca municipal organiza novas sesións de contacontos durante o mes de maio

Martes, 01 de maio de 2012

[01-05-2012] "Conto, contiño...", baixo este lema a Biblioteca municipal organizou novas sesións de contacontos para este mes de maio. Estas actividades, que están dirixidas aos rapaces e rapazas de 3 a 8 anos, terán o seu escenario nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. Os contos non se centrarán nunha única temática senón que durante cada trimestre abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Durante este trimestre do curso a temática das sesións de contos xirará arredor dos contos do mundo.

Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrece a Biblioteca municipal amósanlles aos cativos e cativas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos cativos de entre 3 e 8 anos.

Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada trimestre abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Este trimestre a temática das sesións de contos xira arredor dos contos do mundo. A mascota da Biblioteca municipal Lepi estivo viaxando durante os últimos meses por diferentes países do mundo e agora contaralle aos nenos e nenas de Ames todos aqueles contos que aprendeu nas súas viaxes.

Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. A cita cos contos comeza esta semana nas bibliotecas municipais. Así, o mércores 2 de maio, ás 18:00 h, tócalle a quenda á Biblioteca do Milladoiro, e o xoves 3, á mesma hora, á Biblioteca de Bertamiráns. O luns 14 de maio os contos chegarán ao local social de Augapesada e o día 15, ao local social de Bugallido, mentres que o mércores 16 volve a tocarlle a vez á biblioteca de Bertamiráns. Todas as sesión de contacontos realizaranse ás 18:00 horas.