Pestanas principais

A biblioteca municipal organiza contacontos e obradoiros para o mes de maio

Xoves, 05 de maio de 2011

[05-05-2011] Durante o mes de maio continúan as actividades de animación á lectura organizadas polas bibliotecas municipais amienses. Como está programado dende principios de curso, todos os meses elíxese un tema diferente arredor do cal xiran os contacontos e obradoiros programados. Estas sesións de contacontos están dirixidas aos nenos e nenas maiores de 3 anos e teñen como principal obxectivo mostrar os libros como fonte de diversión e coñecemento. Ademais os nenos/as maiores de 8 anos poderán participar no obradoiro "Ven xogar connosco ao pasapalabras...". O prazo para inscribirse neste obradoiro remata o día 6 de maio.

"Conto, contas, contan... Cantos contos contas ti?", este é o lema da programación de animación á lectura que puxo en marcha a Biblioteca municipal para este curso. Para os nenos e nenas maiores de 3 anos hai contacontos, mentres que a rapazada maior de 8 anos teñen a oportunidade de acudir aos obradoiros. Estas actividades da Biblioteca municipal atopan o seu escenario nas bibliotecas de Bertamiráns e O Milladoiro, así como no local social de Aguapesada. Con contacontos e obradoiros, a programación das actividades de animación á lectura, organizadas pola Biblioteca municipal dependente da Concellaría de Educación e Servizos Complementarios, dánlle a oportunidade aos nenos e nenas de achegarse aos libros dun xeito máis divertido.

Coa chegada do novo mes a Biblioteca Municipal inaugura un novo tema en torno ao cal xirarán as súas actividades. Así, durante o mes de novembro, a música é o tema sobre o que xirarán obradoiros e contacontos. Once damas atrevidas será un dos contos que se relatarán nas sesións de contacontos. Estas sesións, dirixidas a nenos e nenas de máis de tres anos, comezarán o mércores 4 de maio na biblioteca do Milladoiro, ás 18:00 horas, e continuarán o xoves 5 na biblioteca de Bertamiráns á mesma hora.

Pero os contacontos non rematan aquí xa que a partir da terceira semana de maio regresarán. Así o luns 16 tocaralle aos nenos e nenas de Augapesada poder gozar dos contos sobre a música. O mércores 18 os contos volverán ás bibliotecas, esta vez a Bertamiráns, para rematar o xoves 19 na biblioteca do Milladoiro, sempre ás 18:00 horas.

Ven xogar connosco ao pasapalabras...
Pero a música, a rima e a poesía non se tratarán só a través dos contos para os máis pequenos xa que nos obradoiros dirixidos a nenos e nenas de máis de oito anos tamén se traballarán valores como a solidariedade ou a capacidade de valorar positivamente a diferenza. Como sempre, este traballo está baseado nunha metodoloxía na que o achegamento á literatura se fai dunha maneira lúdica e atractiva para os rapaces e rapazas que participan cada mes nestes obradoiros.

Durante este mes a biblioteca municipal organiza un obradoiro, pero diferente ao que se levan realizado durante todo este curso. En vez de ser un obradoiro no que os rapaces fan diferentes traballos, que despois levan para as súas casas, nesta ocasión faranse diferentes xogos (pasapalabras, adiviñas, rimas, etc).

O prazo de inscrición para participar nos obradoiros para nenos e nenas de máis de oito comezou o día 25 de abril e rematará o venres 6 de maio. Aqueles que queiran participar non teñen máis que achegarse ás bibliotecas e anotarse. Os obradoiros terán lugar o mércores 11, ás 18:30 horas, na biblioteca de Bertamiráns e o xoves 12 á mesma hora na biblioteca do Milladoiro.