[03-05-2014] Durante o mes de maio continúan as actividades que organiza a Biblioteca municipal de Ames. Neste caso a temática dos contos xirará arredor da amizade e da solidariedade, así como sobre a celebración do Día das Letras Galegas. As novas sesións de contacontos desenvolverase nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas que teñen máis de 3 anos. Ademais, durante este mes desenvolverase un obradoiro de elaboración se xoguetes a partir de material de refugallo.
Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.
Este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.
Durante a primeira semana do mes de maio haberá novas sesións de contacontos que tratarán sobre a amizade e a solidariedade. Estas sesións de contacontos comezan o luns, 5 de maio, no local social de Augapesada, e continuarán o martes, 6 de maio, no local social de Bugallido. O mércores 7 de maio tocaralle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 8 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns.
As sesións de contacontos continúan durante a terceira semana deste mes e estarán dedicados á celebración das Letras Galegas. O luns, 19 de maio, no local social de Augapesada, o martes 20 terán lugar no local social do Bugallido, o mércores 21 na Biblioteca municipal de Bertamiráns e o xoves 22 na Biblioteca municipal do Milladoiro. Todas as sesións de contacontos comezan ás 18:00 horas.
Obradoiro de elaboración de xoguetes
Ademais, este mes a Biblioteca municipal de Ames e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) van a organizar un obradoiro de elaboración se xoguetes a partir de material de refugallo. Este obradoiro, que será impartido por persoal de ADEGA, desenvolverase o martes 13 de maio, ás 18:00 horas, na biblioteca municipal do Milladoiro. Os rapaces e rapazas que desexen participar nesta actividade deberán inscribirse entre o 2 e o 9 de maio chamado ao número de teléfono 981 530 807 ou de xeito presencial na propia biblioteca do Milladoiro. Para este obradoiro ofértanse como máximo 15 prazas.
Contido relacionado





