Pestanas principais

A Biblioteca municipal de Ames xa ten pechada a programación de contacontos para o mes de febreiro

Martes, 04 de febreiro de 2014

[04-02-2014] Durante o mes de febreiro continúan as actividades que organiza a Biblioteca municipal de Ames. Neste caso a temática dos contos xirará arredor das diferencias que hai entre a vida no campo e a vida na cidade. As novas sesións de contacontos desenvolverase nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido, durante a primeira semana de febreiro. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas que teñen máis de 3 anos.

Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.

Durante este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Durante o mes de febreiro a temática dos contos xirará arredor das diferencias que hai entre a vida no campo e a vida na cidade.

Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. As sesións de contacontos comezaron onte no local social de Augapesada, e continúan hoxe no local social de Bugallido. O mércores 5 de febreiro tócalle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal do Milladoiro, mentres que o xoves 6 celebraranse na Biblioteca municipal de Bertamiráns. As sesións de contacontos comezarán en tódolos lugares ás 18:00 horas.