[24-03-2014] Durante o mes de marzo continúan as actividades que organiza a biblioteca municipal de Ames. Neste caso a temática dos contos tratará sobre a familia. As novas sesións de contacontos desenvolverase nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Augapesada e Bugallido. Estas actividades están dirixidas aos nenos e nenas que teñen máis de 3 anos.
Detrás de cada libro agóchase un mundo por descubrir, historias que gozar, personaxes que coñecer. As actividades de animación á lectura que ofrecen as Bibliotecas municipais de Ames amósanlles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Para un mellor funcionamento, as actividades están adaptadas ás idades dos nenos e nenas. Así, as sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 8 anos.
Este curso os contos non se centran nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Estas actividades, como todas as demais que organiza a Biblioteca municipal, teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.
Durante esta semana haberá novas sesións de contos que tratarán sobre a familia. Estas sesións de contacontos comezan este luns, 24 de marzo, no local social de Augapesada, e continuarán o martes, 25 de marzo, no local social de Bugallido. O mércores 26 de febreiro tocaralle a quenda aos usuarios/as da Biblioteca municipal de Bertamiráns, mentres que o xoves 27 celebraranse na Biblioteca municipal do Milladoiro. As sesións de contacontos comezarán en tódolos lugares ás 18:00 horas.




