Pestanas principais

A Biblioteca de Ames organiza un recital de poesía o próximo venres, 1 de maio, na súa páxina de Facebook

Mércores, 29 de abril de 2020

A Biblioteca de Ames segue a contribuir, nestes tempos de confinamento, a manter servizos e actividades de animación á lectura a través da súa páxina de Facebook. O próximo venres, 1 de maio, a partir das 12 horas, varios autores/as de Ames recitarán versos da súa autoría nun video recital que durará media hora. A proposta partiu do dinamizador cultural Diego Horschovski, director de Filosofía a Pé de Rúa e organizador de Poetry Slam Compostela, quen propuxo á Biblioteca de Ames a realización deste encontro poético con autoras e autores locais. Xunto a Diego Horschovski estarán Charo Pita, Rafa Vilar, Mariña Pérez Rei, Anna Figueiredo e Carlos Negro.

O mes de maio comezará na Biblioteca de Ames cun encontro poético no que diferentes autores e autoras amesás amosarán as súas habilidades como poetas. A partir das 12 horas do próximo venres, 1 de maio, e a través da páxina de Facebook da biblioteca, teremos ocasión de deixarnos levar polos versos e paixón de seis veciños e veciñas do concello, moitos cunha xa longa traxectoria na arte das letras.

Participantes
Diego Horschovski leva as súas dúas paixóns, a filosofía e a poesía, ao seu traballo diario, organizando recitais poéticos, obradoiros de filosofía e actividades de debate e pensamento. Charo Pita é coñecida como autora, actriz e narradora principalmente, con varias obras publicadas tanto para persoas adultas como para crianzas. Rafa Vilar ten publicado numerosas obras, principalmente de poesía, e foi recoñecido con varios premios literarios.

Mariña Pérez Rei combina tanto obras de narrativa como de poesía e tamén ten recibido premios literarios nesas dúas facetas de escritora. Anna Figueiredo é a máis nova da selección e ten publicado recentemente a novela Os Bicos feridos na editorial Galaxia. Carlos Negro é un autor de sobra coñecido en Ames, na súa faceta de profesor, e coas súas obras poéticas moi ben recollidas polo público xuvenil.

Desde a Biblioteca de Ames quérese agradecer a participación desinteresada destes autores/as que colaboran activamente en todas as actividades de difusión que se lle propón tanto desde a Biblioteca como doutros servizos do Concello. Para a concelleira de Cultura, Natividade González, é imprescindible “seguir mantendo os servizos e actividades de animación á lectura a través das redes sociais, unha canle que nos axuda a non perder o contacto coas familias e a facer máis levadeiro este momento. Desta volta facémolo cun recital de poesía que seguro gustará moito e nos permitirá escapar, durante media hora, da situación que estamos a vivir a través das palabras destes autores e autoras de tanto prestixio no eido cultural do noso concello”.

Letras Galegas
Despois do recital de poesía deste primeiro de maio, a Biblioteca de Ames continuará preparando as actividades para a celebración das Letras Galegas. Actividades que se unirán ás moitas que se están a desenvolver durante o confinamento, como por exemplo os retos literarios a través de xogos, contacontos e actividades que se levaron a cabo durante a semana do 23 de abril, cando se conmemorou o Día do Libro. Asemade, publícanse a diario recursos educativos, formativos, culturais e de ocio para manter activo o intelecto e o contacto cos libros e a lectura. Tamén durante este tempo, todos os luns, mércores e venres ás 18 horas, estanse a desenvolver sesións de contacontos para as crianzas, realizadas polo persoal de animación á lectura da Biblioteca. Desde a Biblioteca de Ames convidan a toda a veciñanza amesá a participar nestas actividades e realizar propostas a través da súa páxina de Facebook.

recital_de_poesía