Pestanas principais

A Biblioteca de Ames colabora con GÁLIX (Asociación galega do libro infantil e xuvenil) para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil

Sábado, 25 de marzo de 2017

[25-03-2017] O día 2 de abril desde 1967, coincidindo esta efeméride co nacemento de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil. Para conmemorar este día as bibliotecas municipais de Ames promoven unha mostra bibliográfica e un concurso dirixido aos rapaces e rapazas escolarizados dende primeiro de educación primaria ata segundo de secundaria.

As bibliotecas municipais de Ames organizaron un concurso con motivo da conmemoración do Día Internacional do Libro infantil que se celebra o vindeiro domingo 2 de abril. Esta actividade está dirixida aos aos rapaces e rapazas escolarizados dende primeiro de educación primaria ata segundo de secundaria.

Dito concurso consistirá en ler un libro de Andersen en galego; escoller un personaxe do conto; facer un debuxo dese personaxe, tal e como imaxinaria Andersen na actualidade; escribir un breve texto, como se fose para twitter, que non exceda de 140 caracteres, explicando cal foi o motivo polo que se fixo a escolla dese personaxe; e entregalo na biblioteca.

Cada traballo terá que levar os datos de identificación dos participantes: nome, apelidos, idade, data de nacemento e curso escolar, así como o nome da persoa da biblioteca, o enderezo e un teléfono de contacto. Deberán figurar os datos do libro a partir do cal fixeron a escolla da personaxe: autor e título. Os traballos deberanse entregarse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, onde se preseleccionaran tres por cada categoría.

Establécese un premio para cada unha das seguintes categorías: primeiros lectores (1º, 2º, 3º de primaria); lectorado avanzado (4º, 5º, 6, de primaria) e superlectores (1º e 2º de secundaria). Cada premio estará dotado cun diploma e un lote de libros para as persoas premiadas e para a biblioteca na que se entreguen os traballos.