Pestanas principais

As Bibliopiscinas despiden o verán en Ames cunha festa nas piscinas descubertas municipais e na praia fluvial de Tapia

Xoves, 30 de agosto de 2018

[30-08-2018] O mes de agosto chega ao seu fin e, con el, o servizo de Bibliopiscinas que se ven prestando dende o pasado mes xullo nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e na praia fluvial de Tapia. Este venres, 31 de agosto, e coincidindo co último día das Bibliopiscinas, haberá unha festa final na que os usuarios e as usuarias do servizo recibirán algún agasallo, participarán en xogos competitivos e realizarán unha gran merenda para despedir o verán. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, desenvolve o servizo de Bibliopiscinas dende hai 16 anos, achegando ás familias amesás libros, xogos, contos, xoguetes e varias actividades ás zonas de baño do concello durante os meses de xullo e agosto.

O bo tempo acompañou este mes de agosto e foron moitos os veciños e veciñas de Ames que se achegaron ás piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro e á praia fluvial de Tapia para facer fronte ás elevadas temperaturas. Unha situación que se prevé tamén para mañá venres, a última das xornadas na que se prestará o servizo de Bibliopiscinas este verán.

Por tal motivo, as tres áreas de baño acollerán unha festa final na que os nenos e nenas poderán gozar dunha tarde con agasallos, xogos e unha merenda para despedir o verán. Actividades que se suman ás moitas desenvolvidas durante estes dous últimos meses, como contacontos, obradoiros de todo tipo de manualidades, murais, xogos tradicionais, etc. Asemade, contouse con libros, xogos de mesa e xoguetes, co ánimo de fomentar o hábito lector entre a poboación infantil do concello dun xeito lúdico-recreativo, lonxe do marco cotiá dos colexios e estudos.

Mochilas viaxeiras
Unha das novidades que ofreceu o servizo de Bibliopiscinas durante o verán foi a posibilidade de compartir dúas mochilas viaxeiras que, cada semana, achegábanse a unha das áreas onde se desenvolvía a actividade. Unha iniciativa que contou cun grande éxito entre os nenos e nenas que gozaron das piscinas descubertas municipais e á praia fluvial de Tapia este verán. Unha mochila contiña libros sobre a Igualdade e a outra sobre a integración (Viaxando polo mundo) Nelas atopábanse libros dirixidos a diferentes franxas de idades para que todos os nenos e nenas adquirisen coñecementos e valores en torno aos dous temas sobre os que versaban as publicacións.

Outras actividades
As actividades de animación á lectura que se desenvolveron durante o verán nas piscinas municipais descubertas dan continuidade ao programa de animación que se leva a cabo nas bibliotecas durante o resto do ano. A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as. O servizo de Bibliopiscinas conta con monitores/as especializados/as e entre as actividades que levan a cabo destacan contacontos, obradoiros de todo tipo de manualidades, murais, xogos tradicionais, etc. Asemade, cóntase con libros, prensa, xogos de mesa e xoguetes. A veciñanza amesá puido gozar deste servizo en horario de 16:00h a 20:00 horas, de luns a venres, no Milladoiro e Bertamiráns, e de martes a domingo, en Tapia, tamén no mesmo horario.