[28-07-2016] Ao carón das piscinas municipais do Milladoiro, de Bertamiráns e na praia fluvial de Tapia, chegadas á par que o calor do verán, volveron este ano as bibliopiscinas. De luns a venres, e os sábados tamén no caso da praia fluvial de Tapia, os seus monitores animan á rapazada a combinar as horas de lecer coa lectura de contos, os xogos tradicionais ou os deportes acuáticos. Ademais, convidan ás familias, aos pais, nais, avós ou avoas, a ler cos pequenos e pequenas, a contarlles contos ou historias de vida.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que "este ano estase desenvolvendo un amplo abano de actividades lúdicas e de animación á lectura denominado Ler, xogar e nadar, que inclúe xogos tradicionais, obradoiros e actividades deportivas para todas as idades”. “Trátase dun proxecto moi necesario, xa que fomenta o hábito da lectura, e permite a conciliación”, finalizou dicindo Santomil.
A programación deste ano divídese en tres liñas de actividades: ler, xogar e nadar. A lectura non se limita ao préstamo de libros, senón que inclúe lecturas dramatizadas ou a proxección de contos. Estas particulares bibliotecas poñen a disposición do público tabletas para ler historias na Internet. Os seus monitores adáptanse á idade dos nenos e nenas que haxa nas piscinas ou en Tapia para escoller as narracións.
Cando non hai demasiada xente nas piscinas, e procurando sempre respectar a convivencia, os monitores das bibliopiscinas propoñen aos rapaces e rapazas distintos xogos acuáticos ou deportes. Waterpolo, voleibol na auga ou mesmo deportes inventados polo propio público infantil baixo a supervisión dos monitores son algúns deles. Ademais, cada semana, os monitores organizan algún concurso de debuxo ou de damas, e obradoiros de manualidades. As bibliopiscinas inclúen servizo de prensa para as persoas adultas, que están convidadas a participar delas co público infantil “botando un par de contos”.
Horario de apertura das bibliopiscinas
As bibliopiscinas de Bertamiráns e do Milladoiro permanecen abertas entre o luns e o venres, en horario de 16:00 a 20:00 horas. En Tapia o horario é o mesmo, dende as 16:00 h ás 20:00 horas, pero de martes a domingo (os luns estarán pechadas por descanso do persoal). Ademais, está aberto os días festivos. Durante os meses de xullo e agosto o horario das bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro será de 9:00 a 14:00 horas.
A empresa local, Órbita Infantil, con ampla experiencia no desenvolvemento de servizos complementarios de educación en Ames, está levando a cabo un amplo programa de actividades lúdicas no servizo de Bibliopiscinas. Asemade, as bibliotecas municipais puxeron máis dun cento de libros a disposición dos usuarios/as para a súa consulta e préstamo. Este programa municipal chega ao seu ecuador, pero aínda se desenvolverá ao longo de todo o mes de agosto.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Los niños disfrutan con los juegos de las bibliopiscinas"




