Pestanas principais

As bibliopiscinas de Ames celebraron a "Festa de clausura Bibliopiscinas 2011"

Luns, 29 de agosto de 2011

[29-08-2011] Coa chegada do verán o Concello de Ames puxo en marcha o servizo das bibliopiscinas na área recreativa de Tapia, e nas piscinas de Milladoiro e Bertamiráns. Baixo o lema “Móllate na lectura 2011!” o servizo de biblipiscinas achegou libros, xogos, xoguetes e xornais a pais e fillos, e ademais os máis pequenos gozaron de entretidas tardes de contacontos. Este servizo funcionou tódalas tardes dende o día catro de xullo na área recreativa de Tapia, mentres que en Bertamiráns e Milladoiro o fixo de luns a venres. Hoxe tivo lugar a “Festa de clausura Bibliopiscinas 2011!” á que asistiron arredor de 150 persoas.

Pouco a pouco vaise achegando o fin do verán e con el rematan actividades propias da época estival como acontece co servizo de bibliopiscinas. Ás catro e media da tarde comezou a festa cun taller de pintado de camisetas e con xogos tradicionais en todo o recinto da praia fluvial de Tapia a cargo da Asociación de Xogos Tradicionais Compostela. Ás seis da tarde a contacontos amiense Carla Capeáns fixo unha actuación para os máis pequenos e arredor das sete e media rematou a celebración. Os máis pequenos recibiron un libro como agasallo de despedidapor parte dos traballadores do servizo e de concelleiros do goberno local.

O Director Xeral do Libro, Francisco López Rodríguez quixo felicitar ao Concello de Ames por esta iniciativa para o fomento da lectura porque "un neno con ilusión é un futuro garantido, e a lectura é unha práctica moi importante para crear esa ilusión". O alcalde amiense, Santiago Amor, agradeceu o aopio das persoas que traballaron neste servizo durante todo o verán e agradeceu tamén a colaboración que prestou a Consellería de Cultura coa doación de lotes de libros que se repartiron entre os nenos participantes. "Este ano o Concello de Ames foi quen de por en marcha as bibliopiscinas aforrando diñeiro para as arcas municipais sen que isto repercutise na calidade do servizo e temos que agradecerllo en gran parte aos traballadores do servizo", explicou o rexedor.

10.000 persoas participaron este ano nas bibliopiscinas

Arredor de 10.000 persoas empregaron o servizo de bibliopiscinas este ano, sendo a área recreativa de Tapia a que rexistrou un maior número de visitantes en parte debido a que abriu tamén nas fins de semana. No período que estivo aberto este servizo os nenos gozaron de oito sesións de contacontos nos que se trataron temas variados coma os medos a auga, a alimentación, a paz ou o amor. Nas bibliopiscinas, ademais de fomentar a lectura, tamén se impartiron obradoiros e talleres de abalorios, chaveiros, marcapáxinas, ou pintado de camisetas entre outros.

O servizo de bibliopiscinas de Ames foi atendido por seis traballadores, cinco deles municipais e unha persoa contratada. As bibliopiscinas de Bertamiráns e Milladoiro pecháronse 6 días en todo o verán debido ao mal tempo e as de Tapia soamente tres, pois ainda que non fixo sol en tódalas xornadas, os pais levan aos nenos igualmente a pasear á area recreativa e gozaron deste servizo.

É coñecida a importancia de acostumarse á lectura e por iso o Concello impulsa iniciativas coma a das bibliopiscinas para que os nenos asocien a lectura non só coas horas de estudo, senón tamén coas de lecer. Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas puideron gozar de contacontos que fixeron voar as súa imaxinación durante este verán.

Este servizo que o concello de Ames presta dende hai nove anos está dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estiveron abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario foi de luns a venres de 16:00 horas a 20:00 horas, e na área de Tapia abriron tódolos días durante os dous meses.

En canto á biblioteca municipal, estivo aberta nos meses de verán, cunha variación no seu horario, xa que só abriu ao público polas mañás, das 10:00 h. ás 14:00 horas.

Calquera piscina esperta unha gran fascinación para os nenos e nenas e a campaña das bibliopiscinas "Móllate na lectura, 2011!" axudou a pais e nais á conciliación da vida familiar durante o verán.