[24-08-2011] Coa chegada do verán o Concello de Ames puxo en marcha o servizo das bibliopiscinas na área recreativa de Tapia, e nas piscinas de Milladoiro e Bertamiráns. Baixo o lema “Móllate na lectura 2011!” o servizo de biblipiscinas achegou libros, xogos, xoguetes e xornais a pais e fillos, e ademais os máis pequenos gozaron de entretidas tardes de contacontos. Este servizo funcionou tódalas tardes dende o día catro de xullo na área recreativa de Tapia, mentres que en Bertamiráns e Milladoiro o fixo de luns a venres. O vindeiro sábado día 27de agosto terá lugar a “Festa de clausura Bibliopiscinas 2011!”.
Pouco a pouco vaise achegando o fin do verán e con el rematan actividades propias da época estival como acontece co servizo de bibliopiscinas. O vindeiro sábado día 27 de agosto celebrarase na área recreativa de Tapia a festa de clausura desta actividade. Ás catro e media da tarde comeza a festa cun taller de pintado de camisetas e con xogos tradicionais en todo o recinto da praia fluvial de Tapia a cargo da Asociación de Xogos Tradicionais Compostela. Ás seis da tarde a contacontos amiense Carla Capeáns fará unha actuación para os máis pequenos e ás sete e media rematará a celebración cunha intervención do Concelleiro de Educación e Cultura, Alfonso Rey.
É coñecida a importancia de acostumarse á lectura e por iso o Concello impulsa iniciativas coma a das bibliopiscinas para que os nenos asocien a lectura non só coas horas de estudo, senón tamén coas de lecer. Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas puideron gozar de contacontos que fixeron voar as súa imaxinación durante este verán.
Este servizo que o concello de Ames presta dende hai nove anos está dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estiveron abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario foi de luns a venres de 16:00 horas a 20:00 horas, e na área de Tapia abriron tódolos días durante os dous meses.
En canto á biblioteca municipal, estivo aberta nos meses de verán, cunha variación no seu horario, xa que só abriu ao público polas mañás, das 10:00 h. ás 14:00 horas.
Calquera piscina esperta unha gran fascinación para os nenos e nenas e a campaña das bibliopiscinas "Móllate na lectura, 2011!" axudou a pais e nais á conciliación da vida familiar durante o verán.





