Pestanas principais

Bertamiráns recibe a unidade móbil de doazón de sangue

Mércores, 24 de agosto de 2011

[24-08-2011] Bertamiráns recibiu este martes 23 de agosto a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia. O autobús da doazón estivo situado durante toda a xornada na avenida da Maía. Os veciños e veciñas do núcleo de Bertamiráns acudiron onte a parada situada fronte a praza da Maía coa finalidade de facer as doazóns que permitan axudar no labor asistencial dos centros sanitarios. A unidade móbil contou co seu máximo nivel de participación durante o período comprendido entre as once e as doce da mañá. Este xoves, 25 de agosto, a unidade móbil de doazón de sangue estará na localidade do Milladoiro, na rúa Curuxa ao lado supermercado El Árbol.

O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) realizan, unha vez ao mes, unha campaña de doazón de sangue no Milladoiro e en Bertamiráns co obxectivo de manter o nivel de participación dos veciños e veciñas amienses posto que se trata dun dos municipios máis solidarios da área compostelá. Durante os primeiros sete meses do ano, Ames contou cun total de 745 doazóns superando o número de doazóns do mesmo período do ano pasado cun incremento do 27%.

A unidade móbil de doazón de sangue estivo este martes 23 de agosto en Bertamiráns. O autobús da doazón estivo situado durante toda a xornada na avenida da Maía. A unidade móbil contou co seu máximo nivel de participación durante o período comprendido entre as once e as doce da mañá. O Milladoiro contará con este servizo este xoves en horario de nove e media a tres e media e de catro e media a nove da noite na rúa Curuxa que se atopa fronte ao supermercado El Árbol.

O Concello de Ames convida a tódolos amienses a participar nesta campaña de doazón de sangue neste período estival caracterizado polo aumento da demanda de transfusións. Se aínda non fuches a doar e cumpres o requisitos, comparte o teu sangue.

Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o 2009 houbo 897 doazóns en Ames. En 2010 incrementouse o número de donantes nun 14%, rexistrándose un total de 1.019 doazóns. No que se refire ao 2011, durante os primeiros sete meses deste ano houbo 745 doazóns. O número de doazóns durante o 2011 xa é superior ao rexistrado en 2010, xa que durante os primeiros sete meses do ano pasado realizáronse 541 doazóns. Agora mesmo existe un ratio de 37 donantes por cada mil habitantes. Dende o Concello de Ames agárdase que esta ratio se incremente chegando a 40 donantes por cada 1.000 habitantes e incluso poder superala.

Requisitos para doar

Todas aquelas persoas que teñan intención de doar sangue deberán cumprir unha serie de requisitos entre os que destacan: ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 kg, ter comido e non doar dende fai dous meses. No caso de achegarse a doar despois do xantar é conveniente esperar dúas horas para facelo e sempre é recomendable ter algo no estómago cando se vai facer a doazón. Os homes poden doar ao ano un máximo de catro veces ao ano mentres que as mulleres poden facelo en tres ocasións.

Para o mes de setembro está previsto que a unidade móbil do Centro de Transfusións de Galicia estea o 21 no polígono Novo Milladoiro, o 22 na rúa Curuxa do Milladoiro, o 27 na avenida da Maía, en Bertamiráns, e o 29 na urbanización de Aldea Nova.