[04-02-2015] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres unha obra de teatro para o público infantil. Trátase do espectáculo A nena e o grilo no país das apertas, que chega da man da compañía Magín Blanco. Ofreceranse dous pases: unha sesión escolar ás 12:30 horas –con carácter gratuíto– e outra aberta a todos os públicos, ás 18:30 horas. Para esta última as entradas teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e os menores desa idade terán un desconto do 50%, así como os que posúan carné de estudante e os maiores de 65 anos. Poden reservarse ata o propio venres ás 14:00 horas, a través do correo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org ou no teléfono 981 53 59 40.
A nena e o grilo no país das apertas é unha obra que combina o pop, o rock, o folk, a música de autor, o reggae ou a bossa nova. A través de cancións, nárrase a amizade entre unha nena e un grilo, que convidan ao público a emprender unha viaxe apaixonante a través das emocións e os sentimentos. Os máis pequenos aprenderán a vivir nun universo máxico e cheo de ilusión, achegándose á música de forma participativa.
Os actores e actrices tamén son músicos nesta peza dunha hora de duración. Magín Blanco, Jorge Juncal, María Faltri, Jerry Noia, Xoán Curiel e Charo Pita farán soar a guitarra, o baixo, o piano, o acordeón ou as percusións. A compañía considera este espectáculo “moi acaído para os centros escolares, para ser representado nun ensino aberto e plural, ao que se lle ofrece un xeito distinto de construír un mundo novo. Con esta obra aprendemos mentres xogamos, para sabermos mentres cantamos.”




