Pestanas principais

Bertamiráns e A Ameixenda melloran as súas vías de comunicación

Sábado, 01 de novembro de 2014

[01-11-2014] Ao longo desta semana, o Concello de Ames iniciou as obras de mellora e acondicionamento do pavimento en dúas zonas do municipio: a rúa Fontaldeiro de Bertamiráns e a estrada da Ameixenda. Estes traballos, que foron adxudicados pola Xunta de Goberno Local á empresa Ponciano Nieto cun orzamento de 57.365 euros, están financiados a cargo do Plan de Obras e Servizos 2014 da Deputación da Coruña. O obxectivo destas obras é actuar sobre zonas nas que o pavimento está deteriorado para mellorar a seguridade dos vehículos e peóns que transitan por elas.


O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Obras, Alfredo Taboada, achegáronse ata a rúa Fontaldeiro, para comprobar o desenvolvemento das obras no entorno do tanatorio de Bertamiráns. Nesta zona, os traballos consisten na mellora da capa de rodaxe da rúa con aglomerado en quente, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento semiasfáltico. Tamén se inclúe a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe de augas na zona, así como a sinalización horizontal con pintado de liñas en bordes e eixo, símbolos, cebreados e isletas.

Na estrada da Ameixenda tamén comezaron os traballos esta mesma semana. Nesta vía, o obxectivo das obras é mellorar a capa de rodaxe coa aplicación de aglomerado. Ademais, levarase a cabo a adaptación de pozos e arquetas á nova rasante. Nas próximas semanas continuarase co asfaltado da rúa Xaquín Lorenzo, no Milladoiro, e nas Travesías do Pedregal e de Lodeiro, situadas en Bertamiráns.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Arranca la mejora de firmes en viales de Bertamiráns y Ameixenda por 57.000 euros"