[06-08-2012] O municipio de Ames continúa celebrando as festas estivais. Tras as celebracións da Madalena no Milladoiro, esta fin de semana será a quenda de Bertamiráns e Agrón, que celebrarán a Peregrina e San Lourenzo con tres días de música e baile.
Un ano máis, Bertamiráns honra á súa patroa coa celebración das festas da Peregrina. Durante a fin de semana, os habitantes de Ames poderán gozar dunha ampla oferta de entretemento que pretende facer as ledicias dos asistentes. O pistoletazo de saída terá lugar o venres, 10 de agosto, co concerto no Campo da Peregrina do dúo Rumba Lla. A actuación comezará ás 23,00 horas.
A xornada do sábado comezará ás 9:00 horas, co anuncio das festas mediante a tradicional tirada de 21 bombas de palenque. Seguidamente, o grupo de gaitas Os Castros de Ames levará a cabo o pasarrúas. Xa pola noite, a verbena comezará ás 23,00 horas co grupo M3. O prato forte do día virá despois, coa celebración dunha Gran Gala Musical, na que actuarán artistas de renome como David Civera, La Década Prodigiosa e Astarot.
O domingo 12 de agosto será a última xornada das festas da Peregrina. A xornada iniciarase coa tirada das bombas de palenque e co pasarrúas a cargo da Banda de Cornetas e Tambores de OJE. Ás 12,30 horas celebrarase a misa solemne e a procesión. Ao remate, a sesión vermú correrá a cargo do Grupo Trova. Pola tarde, terá lugar ás 19:00 horas o IX Trofeo de Fútbol Café Don Budi no Campo Municipal. A festa rematará cunha gran verbena no Campo da Peregrina na que actuarán a orquestra Capitol e o grupo Trova.
San Lourenzo en Agrón
A parroquia de Agrón tamén estará de festa esta fin de semana, na que honrará ao seu patrón, San Lourenzo. Os tres días haberá misa solemne ás 13,00 horas. As celebracións, organizadas pola Asociación Cultural de Festas de San Lourenzo, iniciaranse o venres, 10 de agosto, día do patrón. Nesta xornada, a sesión vermú correrá a cargo do Dúo Máster. Na verbena, ademais do dúo actuará a Orquestra Ciclón.
O sábado, 11 de agosto, os veciños e veciñas de Agrón honrarán ao Santísimo Sacramento. A sesión vermú estará protagonizada polo Grupo Nueva Generación, mentres que a verbena contará coas actuacións do Dúo Óbice e de Nueva Generación. Na xornada do domingo, dedicada a San Roque, a sesión vermú correrá a cargo do Trío Soprano, que acompañará na verbena a El Combo Dominicano.




