Pestanas principais

Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes

Luns, 27 de abril de 2026

A Concellaría de Deportes, en colaboración con Xesta Natureza, organizou este domingo, 26 de abril, a quinta edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolveu na contorna do paseo fluvial e polas rúas e zonas verdes de Bertamiráns, desde as 11:00 horas. O evento, no que se inscribiron 400 participantes, contou con tres categorías de menor a maior dificultade (Xestiñas, Xestas e Xesteiras), nas que puideron participar deportistas de todos os niveis e idades. Premendo nesta ligazón pódese consultar as clasificacións da carreira por categoría.

As rúas e contorna de Bertamiráns acolleron este pasado domingo, 26 de abril, a V Carreira de Orientación Concello de Ames, unha cita que consolidou a súa relevancia no calendario deportivo local ao acadar preto de 400 persoas inscritas. A xornada, que transcorreu baixo un tempo magnífico, reuniu a máis de 330 participantes que desfrutaron dunha mañá de deporte, estratexia e natureza. 

O evento contou coa presenza do alcalde de Ames, Blas García, e da concelleira de Deportes, Susana Señorís, quen estiveron acompañados polos técnicos municipais de deportes, Alberto Viaño e Iván Sanmartín, ademais doutros concelleiros e concelleiras da Corporación municipal.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “a xornada de orientación é unha actividade que esperta cada vez máis interese por parte da veciñanza de Ames. Este ano a carreira volveu a organizarse en Bertamiráns e contou con máis de 330 participantes. Esta actividade é unha oportunidade para pasar unha xornada diferente en familia, desfrutando da natureza, descifrando os planos da proba todos xuntos e descubrindo novos recunchos do noso concello”.

Un deporte que engancha ás familias 
Desde as 11:00 horas, as persoas participantes foron tomando a saída para enfrontarse a un dos tres percorridos deseñados, adaptados a diferentes niveis de dificultade. A proba destacou polo seu marcado carácter interxeracional, sendo moitas as familias e grupos de amigas e amigos que se achegaron para descubrir unha disciplina que, aínda que para moitas persoas era descoñecida, destaca pola súa capacidade de “enganchar” a quen a proba.

O evento concluíu arredor das 13:30 horas sen incidencias, destacando o bo ambiente e o civismo de todas as asistentes. Ao cruzar a meta, as orientadoras e orientadores puideron recuperar forzas cun completo avituallamento líquido e sólido. 

Unha carreira de orientación é unha competición individual ou en grupo, campo a través e cronometrada, na que hai que completar un percorrido no menor tempo posible, pasando por puntos determinados no terreo ou balizas. Nesta ocasión, as persoas participantes contaron cunha tarxeta electrónica para ir rexistrando o seu paso polas balizas do percorrido, que se deben completar na orde determinada no mapa.

Agradecemento e aposta polo deporte 
As entidades organizadoras técnicas, Xesta Natureza e Marmar Outdoor, quixeron recalcar o seu agradecemento ao Concello de Ames polo seu apoio constante. “Queremos agradecer á institución que siga apostando firmemente por este tipo de eventos que fomentan hábitos de vida saudable e poñen en valor o noso territorio dun xeito diferente e respectuoso”, sinalaron desde a organización. 

Con esta quinta edición, a Carreira de Orientación de Ames demostra que é unha modalidade en pleno auxe, capaz de atraer a un público diverso que busca algo máis que unha simple competición: unha aventura compartida.

Novas relacionadas

amsGO!: "Ames consolídase como referente ao alcanzar os 400 participantes na quinta carreira de orientación"

Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes

Multimedia

  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes
  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes
  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes
  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes
  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes
  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes
  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes
  • Bertamiráns convértese no epicentro da orientación con preto de 400 participantes