Pestanas principais

Bertamiráns colle a remuda do “Ames en festas” co inicio mañá das festas da Peregrina

Luns, 08 de agosto de 2022

Este martes 9 de agosto arrancan as festas da Peregrina en Bertamiráns. Unhas festas que se prolongarán ata o domingo 14 de agosto con música, concertos, verbena e actividades para todos os públicos. Serán seis días de troula que se suman aos cinco xa vividos no Milladoiro coas festas da Madalena. Súmanse así once días de celebración en Ames grazas ao cartel “Ames en festas”. Un cartel, que neste 2022, uniu por primeira vez as festas da Madalena e as festas da Peregrina froito da colaboración do Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por primeira vez as súas festas de xeito conxunto. O resultado desta unión é o cartel “Ames en festas” unha programación de once días de música, concertos e actividades para todos os públicos. O arranque tivo lugar o pasado xoves 4 de agosto no Milladoiro co inicio das festas da Madalena. Tras cinco días de festexos toma a remuda Bertamiráns coa celebración das festas da Peregrina.

A troula comeza mañá, martes 9 de agosto, coa actuación para o público infantil e familiar de Marifaltri no parque do Ameneiral, ás 19:30 horas. Este espectáculo forma parte da programación da Concellaría de Promoción Económica “AmesON de verán”.

O mércores 10 comezará a música e a verbena, co concerto do grupo Factoría de Subsistencia na praza da Maía, ás 20:30 horas, e coa actuación da orquestra Olympus no campo da festa da Peregrina, ás 23:00 horas. Ambas propostas están organizadas polo Concello de Ames.

Na mesma liña continuarán as festas o xoves 11, un día que arrincará cuns inchables acuáticos no parque do Ameneiral, instalados pola Concellaría de Deportes de 16:30 a 20:30 horas. A música e a verbena chegarán a partir do serán, con dúas actuacións organizadas polo Concello de Ames. Ás 20:30 horas será a quenda do grupo A Banda da Loba, cun concerto na praza da Maía, que deixará paso a unha nova noite de verbena coa orquestra Gran Parada, ás 23:00 horas no campo da festa da Peregrina.

O venres 12 a noite arrincará cun dos concertos de maior importancia do programa Ames Cultural da Concellaría de Cultura, a actuación de SÉS no parque do Ameneiral, ás 22:00 horas. A continuación haberá verbena da man da comisión de festas da Peregrina, coa orquestra Metrópolis e a disco móbil Atempo e DJ Ianis, a partir das 23:00 horas no campo da festa da Peregrina.

O sábado 13 haberá de novo un concerto e verbena. Ás 21:00 horas actuará o grupo Los Jinetes del Trópico no parque do Ameneiral, dentro do programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica. Neste penúltimo día de verbena, a comisión de festas da Peregrina ofrecerá as actuacións da orquestra Finisterre e da disco móbil Eme Music, de novo ás 23:00 horas no campo da festa da Peregrina.

Para poñer fin aos once días de festa nas dúas vilas do concello, o domingo 14 contará cunha sesión vermú do grupo Estudio, ás 14:00 horas no campo da festa da Peregrina, da man da comisión de festas. O programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica volverá coa actuación do grupo Tinta, ás 21:00 horas no parque do Ameneiral. Por último, o grupo Estudio e a disco móbil Impacto pecharán as festas, a partir das 23:00 horas no campo da festa da Peregrina, coa organización da comisión.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Bertamiráns inicia hoy seis días de fiesta con Sés y A Banda da Loba entre la docena de actuaciones"

El Correo Gallego: "Bertamiráns festexa a Peregrina vivindo de troula ata o domingo"

AMSGO!: "Ames en Festas. A Peregrina en Bertamiráns"

Bertamiráns colle a remuda do “Ames en festas” co inicio mañá das festas da Peregrina

Multimedia

  • Bertamiráns colle a remuda do “Ames en festas” co inicio mañá das festas da Peregrina
  • Bertamiráns colle a remuda do “Ames en festas” co inicio mañá das festas da Peregrina