[07-08-2014] A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Cofradía Nosa Señora a Divina Peregrina, en colaboración co Concello de Ames, organizaron un programa moi variado de actividades para as festas da Peregrina, de Bertamiráns, que se celebran os días 8, 9 e 10 de agosto. Na reunión mantida hoxe na Casa do Concello, cos membros da ACB e da Cofradía Nosa Señora a Divina Peregrina, perfiláronse os últimos detalles da celebración destas festas. Durante estes tres días haberá música a cargo de varios grupos amienses, obradoiros de cultura urbana, exhibicións de aeromodelismo, unha feira de artesanía, desfile de mascotas, un obradoiro de xornalismo, procesións, misas, etc. A Asociación de Comerciantes de Bertamiráns decidiu realizar estas actividades por diferentes prazas de Bertamiráns para achegar as festas a toda a veciñanza. O programa de actividades está dirixido a todos os públicos.
Día grande das festas da Peregrina
As 21 bombas de palenque que se lanzarán o domingo 10 de agosto, ás 9:00 horas, anunciarán o inicio do día grande das festas da Peregrina. Posteriormente, ás 12:30 horas haberá unha misa solemne na capela da Peregrina, e ás 13:15 horas, realizarase a correspondente procesión. Ademais, durante e despois da procesión actuarán os Danzantes de Meaño, de Pontevedra.
Ademais da parte relixiosa, o domingo 10 de agosto, haberá máis actos festivos que comezarán ás 11:00 horas cunha exhibición de aeromodelismo que está organizada polo Ames RC Club. Deste xeito, realizaranse varias demostracións de pilotaxe sincronizada e acrobática no parque do Ameneiral. Ademais, o paseo fluvial de Bertamiráns acollerá ao longo de todo o día unha feira de artesanía na que haberá postos de diferentes produtos artesanais e de alimentación. As festas da Peregrina 2014 rematarán cun concerto a cargo do grupo Mas Tango. Esta actuación terá lugar ás 21:00 horas praza do Concello.
Apertura dos establecementos hostaleiros de Bertamiráns
Por outra banda, os locais hostaleiros de Bertamiráns poderán ampliar o seu horario de peche nunha hora os días 8, 9 e 10 de agosto con motivo das festas da Peregrina.
O primeiro día as festas comezarán ás 17:00 h cunha festa da espuma e con inchables que estarán instalados na praza de Chavián ata as 21:00 horas. Despois, ás 19:00 horas, haberá un obradoiro de breakdance a cargo da Asociación Vella Escola e actuará o DJ Turntablism na explanada da piscina A Telleira. Xa pola noite, entre as 21:30 h e as 23:30 horas, o grupo de pandereteiras As Maianas actuará na praza da Maía.
O sábado, 9 de agosto, ás 10:00 horas realizarase un obradoiro de xornalismo na praza do Concello. A música comezará ás 11:30 h na praza do Concello coa actuación do grupo de gaitas da Asociación Cultural Os Castros. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, volverán organizarse novas actividades na praza do Concello. Nesta ocasión organizarase un obradoiro de pinturas e preparación de miniaturas.
Unha hora despois, ás 18:00 horas, comezará no paseo fluvial de Bertamiráns un desfile de mascotas cos seus donos. Ademais, haberá un photocall e diferentes obradoiros. O segundo día de festas rematará cun concerto de blues, ás 21:00, na praza da Maía a cargo do grupo Cairo Killers.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Bertamiráns celebra esta fin de semana as festas da Peregrina"
El Correo Gallego: "Bertamiráns inaugura as Festas da Peregrina con inchables e obradoiros"
La Voz de Galicia: "Comienzan las fiestas de la Peregrina de Bertamiráns con tres días de actividades"
La Voz de Galicia: "Día grande de A Peregrina en Bertamiráns"




