Pestanas principais

Bertamiráns acolleu a Festa de Entroido na que participaron nenos/as, adultos, grupos e comparsas chegadas de toda Galicia

Luns, 27 de febreiro de 2017

[27-02-2017] O Concello de Ames organizou unha nova edición da festa de Entroido que este ano se desenvolveu na localidade de Bertamiráns. Moitos veciños e veciñas saíron á rúa para participar no entroido de Ames. Un ano máis o concurso de disfraces tivo unha alta participación con persoas chegadas de diversos concellos e localidades de toda Galicia. Acudiron 9 grupos e 7 comparsas. Ademais, na categoría infantil houbo 15 inscritos e na de adultos rexistráronse 9 inscricións. Repartíronse 3.800 euros entre as categorías infantil, adulto, grupo e comparsa. Ademais, houbo un premio especial de 100 euros ao mellor disfrace creado con materiais de refugallo. A festa estivo amenizada pola música de Os Festicultores Troupe e A Banda da Balbina

O aparcamento que está situado ao carón da piscina municipal cuberta da Telleira, en Bertamiráns, foi o epicentro da festa de Entroido que organizou o Concello de Ames durante a tarde deste luns 27 de febreiro. A animación comezou arredor das 17:00 horas coa actuación da charanga Os Festicultores Troupe, que se encargou de animar aos asistentes. Ás 18:00 horas comezou o desfile dos participantes polas rúas de Bertamiráns. O desfile de disfraces, grupos e comparsas percorreu a avenida da Peregrina, avenida da Maía, as rúas Poeta da Maía e do Pedregal, regresando de novo pola avenida da Maía e avenida da Peregrina.

No concurso de disfraces houbo unha alta participación con preto de 700 participantes inscritos. Na categoría infantil houbo 15 inscricións (17 rapaces e rapazas participantes) e na categoría de adultos inscribíronse 9 disfraces (14 adultos). Ademais, participaron no concurso de disfraces 9 grupos e 7 comparsas. Os participantes chegaron de concellos de toda a xeografía galega: Arzúa, Sanxenxo, Poio, Vigo, Teo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Valga, Tomiño, Noia, Boiro, Ordes, etc. Do concello de Ames tamén houbo un gran numero de persoas que participaron nas diferentes categorías do concurso de disfraces.

Gañadores do concurso de disfraces
Os gañadores do concurso de disfraces foron os seguintes. Na categoría infantil gañaron As indomables, pertencentes aos concellos de Noia e Boiro, que recibiron un premio de 100 euros. No segundo posto quedaron A abella Malla e Wily, de Noia, mentres que a terceira posición foi para Pabliño o xeneral máis pequeniño, do concello de Teo. O segundo clasificado foi premiado con 75 euros e o terceiro cun premio en metálico 50 euros.

Na categoría de adultos as gañadoras foron Unhas viquingas en Galicia, de Vigo, que foron premiadas con 200 euros. O segundo premio de 150 euros foi para o disfrace Recicleitor, de Vilagarcía de Arousa. O terceiro e último premio desta categoría dotado de 75 euros, recaeu en Os ogros, de Valga.

Na categoría de grupo gañaron as seis compoñentes de Horas, minutos e segundos, do concello veciño de Teo, que obtiveron un premio de 500 euros. Na segunda posición quedaron as seis integrantes de Ajata Ruín da Prada, de Arzúa, que obtiveron 300 euros, mentres a terceira posición foi para os 9 compoñentes de As colmeas, de Bertamiráns, que levaron 150 euros.

Mellores comparsas
Na categoría de comparsas o premio de 1.100 euros foi para a comparsa Ponte en hora, composta por 58 persoas chegadas de Tomiño. O segundo premio de 600 euros recaeu na comparsa Xirandaina Tours viaxeiras polo mundo, composta por 21 persoas procedentes de Santiago de Compostela. Por último, o terceiro premio de 500 euros foi para a comparsa Os 100 Tolos, composta por 68 persoas de Poio.

O premio especial ao mellor disfrace creado con materiais de reciclaxe, dotado de 100 euros tamén foi para as seis integrantes de Ajata Ruín da Prada, de Arzúa. O xurado do concurso de disfraces estivo composto por Aurora García, profesora da Escola municipal de arte miúda en Ames; María Mariño, de Kandengue Arts; e María Beatriz Sieira, do establecemento comercial Chimpos de Santiago de Compostela. A festa estivo amenizada pola música da Banda da Balbina.

Entroido organizado por AEMI e Palmira Bulevar
Por outra banda, no Milladoiro as asociacións AEMI e Palmira Bulevar organizaron un desfile de Entroido, entre as 17:30 e as 20:30 horas, que discorreu polas rúas Travesía do Porto, rúa Palmeiras, rúa Agro do Medio, rúa de Abaixo, avenida Muíño Vello, rúa de Anxeriz, rúa Curuxa, rúa Rosalía de Castro, rúa Viorneira, rúa Agro da Madalena, rúa Estivada de Castelao, rúa das Camelias, rúa Cereixos, rúa Agro da Madalena, rúa Estivada de Castelao, rúa das Camelias, rúa Cereixos, rúa Agro da Madalena, rúa Agro do Medio e praza de Manuel Murguía, onde se rematou cunha festa.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Pequeños o mayores, nadie se quita el disfraz"
La Voz de Galicia: "Los amienses disfrutaron en las calles de Bertamiráns de su desfile de entroido"