Pestanas principais

Bertamiráns acolleu a celebración do II Torneo de fútbol base Ames Cup

Luns, 01 de abril de 2013

[01-04-2013] Aproveitando as vacacións de Semana Santa, e por segundo ano consecutivo, o Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organizou o torneo de fútbol base Ames Cup, que se desenvolveu dende o día 28 ata o 31 de marzo no campo municipal de Bertamiráns. No torneo, que contou cunha destacable afluencia de público e deportistas, participaron un total de 52 equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín pertencentes ás zonas da Coruña, A Estrada, Ames, comarca do Barbanza e da comarca de Santiago de Compostela.

O campo municipal de Bertamiráns acolleu ao longo da pasada semana a segunda edición do Torneo de fútbol base Bertamiráns FC, Ames Cup. Este ano incrementouse a participación e houbo 52 equipos que competiron nas categorías de prebenxamín, benxamín e alevín. O xoves 28 e venres 29 disputáronse as fases de grupo e as eliminatorias das categorías prebenxamín e benxamín, mentres que o sábado 30 e o domingo 31 xogáronse os partidos correspondentes á categoría alevín.

Na categoría prebenxamín o Milladoiro SD impúxose na final ao Conxo polo resultado de 1-0. A final da categoría benxamín (1º ano) disputárona o Imperator OAR e o Victoria CF. O trofeo foi para o Victoria CF que gañou por 1-4. Na categoría de benxamín (2º ano) a final xogárona o Bertamiráns FC e o a SD Dubra. A vitoria foi para o Dubra que lle gañou ao Bertamiráns por 0-1.


Na categoría de alevíns os equipos tamén estiveron divididos en 1º e 2 º ano. En alevíns de primeiro ano a final xogárona o EF Silleda e o Bertamiráns FC. O trofeo foi para o Silleda que se impuxo na final por 1-0. Por último, na categoría de alevíns (2º ano) houbo derbi local entre o Milladoiro SD e o Bertamiráns FC. Esta foi a final máis disputada xa que ao remate do partido chegouse con empate a un gol, pero na quenda de penaltis impúxose o Milladoiro. 

Cómpre destacar o papel dos equipos amienses xa que o Milladoiro SD logrou o título de campión na categoría de alevíns de segundo ano e na categoría de prebenxamíns, mentres que o Bertamiráns FC disputou tres das cinco finais xogadas. Na entrega de premios do torneo de fútbol base Ames Cup participou o alcalde de Ames, Santiago Amor, que estivo acompañado pola concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o edil de Educación, Bernardo Moar.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Bertamiráns acolleu a celebración do II Torneo de fútbol base Ames Cup"
La Voz de Galicia: "El Milladoiro conquista dos de las finales de la Ames Cup"