Pestanas principais

Bertamiráns acollerá o sábado unha xornada de cultura urbana na que os mozos/as amienses poderán participar en obradoiros de breakdance, graffiti ou skateboard

Mércores, 03 de outubro de 2012

[03-10-2012] A Praza do Concello de Bertamiráns será o sábado o escenario dunha xornada de cultura urbana na que os mozos e mozas amienses poderán participar en obradoiros de breakdance, graffiti ou skateboard. A xornada, organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Ames e a asociación Vella Escola, desenvolverase entre as 16:30 e as 20:30 horas. En caso de choiva, as actividades previstas trasladaranse ao Pavillón de Bertamiráns. A entrada é de balde e non se require inscrición para poder participar.

O público que se achegue o sábado ata Bertamiráns poderá participar en obradoiros de breakdance, graffiti ou skateboard. Ademais, a asociación Vella Escola desenvolverá obradoiros de beatbox, unha modalidade de percusión bucal, e turntablism, unha modalidade de DJ de hip-hop na que se empregan discos de vinilo. Tamén haberá actividades pensadas para os máis pequenos, como a denominada hamabeads na que os nenos e nenas poderán aprender a facer chaveiros.

Ao longo da tarde, levaranse a cabo exhibicións de breakdance nas que os asistentes poderán contemplar unha coreografía completa e unha mostra acrobática. Como novidade, os organizadores desprazarán un coche ata a Praza do Concello para realizar os grafittis sobre el.

Esta xornada de cultura urbana está orientado principalmente a xente nova, aínda que pode participar todo tipo de público.

Este tipo de xornadas son unha aposta polo desenvolvemento xuvenil, unha vía de respaldo á creatividade dos mozos e mozas, ao mesmo tempo que se pretende o fomento da participación. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado fíxase como obxectivo que esta difusión creativa da xuventude galega sirva para mellorar as opcións de crecemento profesional.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Bertamiráns acogerá el sábado una jornada de cultura urbana con talleres de breakdance, grafiti o skateboard"
El Correo Gallego: "Bertamiráns acollerá o sábado unha xornada de cultura urbana"