[22-05-2012] A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá o vindeiro luns, 4 de xuño, unha xornada dirixida ás familias do alumnado de sexto curso de Educación Primaria dos catro centros de ensino do Concello de Ames. O obxectivo desta charla informativa, organizada pola Concellaría de Sanidade, é informar e sensibilizar os pais e nais para prever diferentes condutas de risco ou situacións problemáticas derivadas do paso da educación primaria á secundaria.
Nesta actividade informativa, que comezará ás 20,00 horas, intervirán a psicóloga clínica, técnica de Prevención de Drogodependencias dos concellos de Ames, Brión e Negreira, Sagrario Ferreira; a directora do Instituto de Ensinanza Secundaria de Ames, María Soledad Louro, e o garda civil do Plan Director Convivencia Escolar, José Souto.
A finalidade da charla, dirixida ás familias de 232 alumnos, é abrir un marco de debate e reflexión sobre o papel da familia na socialización e educación dos fillos. Búscase promover unha maior implicación dos pais e nais ou titores como axentes de saúde e fomentar a adquisición das competencias necesarias para que poidan desenvolver esta importante función de forma axeitada.
A través dos catro centros de educación primaria de Ames (CEP de Ventín, CEIP Agro do Muíño, CEIP de Barouta e CEIP A Maía) estase convocando as pais e nais por medio de cartas que lles trasladarán os seus fillos e fillas. Nestas cartas, recordáselles aos pais que os rapaces están a piques de rematar a educación primaria e entrar na secundaria, un cambio que implica para o alumnado unha serie de cambios que coincide coa súa chegada á adolescencia.
Con esta charla informativa, preténdese informar aos pais e nais dos riscos que pode supoñer para o alumnado este cambio. Algo que pode traducirse dentro do ámbito individual na perda dos niveis de rendemento escolar e na perda de seguridade ou autoestima, ao tempo que desde o punto de vista da socialización pode supoñer dificultades coa nova escola e nas relacións persoais, tanto cos iguais como co profesorado.
A xornada tentará resolver todas as dúbidas e inquietudes dos pais, que adoitan estar preocupados polo cambio que supón o paso de educación primaria a secundaria e, polo tanto, o paso dun centro de educación infantil e primaria a un instituto de ensinanza secundaria.