[09-03-2017] O Concello de Ames participa por sexto ano consecutivo no Club de Debate e nesta edición volverá ser sede da fase zona, despois de facelo nos anos 2013 e 2015. Participarán arredor de 70 estudantes (de terceiro ecuarto de ESO e de primeiro de Bacharelato) e 7 profesores/as dos institutos de Ames (tres do IES do Milladoiro e dous do IES de Bertamiráns) e dos IES de Santiago (A Ponte Pedriña e Compañía de María). A actividade terá lugar mañá venres entre as 9:00 e as 18:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os dous equipos gañadores desta xornada pasarán á final galega que se celebrará o sábado, 6 de maio, no Centro Social de Santa Marta, en Santiago de Compostela.
Por sexto ano consecutivo, diversos concellos galegos, a través dos servizos de normalización lingüística e co obxectivo principal de promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais poñen en marcha o Club de Debate, un programa co que se incentiva e valora o falar en público, a oratoria, o uso do galego oral ou o pensamento crítico entre a mocidade. Os concellos que organizan esta sexta edición conxunta son nove: Ames, Carballo, Ferrol, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. A participación é de 27 equipos mixtos e máis de 200 rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos de diversos centros de ensino.
A competición divídese en tres fases de zona e unha fase final. En Bertamiráns participarán 8 equipos e a temática sobre a que terán que debater será: Debemos acoller as persoas refuxiadas. Do Concello de Ames participan cinco grupos, tres deles do IES de Milladoiro e dous do instituto de Bertamiráns. Ademais, asistirán dous equipos de Santiago, dos institutos da Ponte Pedriña e da Compañía de María. Así, debaterán en Ames arredor de 70 rapaces e rapazas que foron preparados e están coordinados por 7 profesores/as.
A primeira das fases de zona tivo lugar o pasado sábado, 4 de marzo, no Pazo da Cultura de Pontevedra cos equipos de Negreira, Rois e Pontevedra, que debateron tamén sobre se debemos acoller as persoas refuxiadas. Os dous equipos clasificados para a final foron os do IES Xulián Magariños de Negreira e o do IES Luís Seoane de Pontevedra. A última das fases de zona terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo, o mércores 15 de marzo, e nela debaterán tamén nove equipos de Ferrol, Oleiros, Teo e Carballo sobre se Os deberes escolares son convenientes para a educación.
Desenvolvemento da fase de zona
A presentación da fase de zona de Ames e Santiago terá lugar mañá ás 9:15 horas e a ela asistirán unha representación do goberno municipal dos concellos participantes. A continuación, ás 9:30 horas, comezará o primeiro dos debates. Entre as 14:00 e as 16:00 horas haberá unha pausa para xantar e posteriormente retomarase a actividade. Será unha xornada de intensos debartes aberta a todo o público que desexe achegarse á Casa da Cultura de Bertamiráns e comprobar de primeira man o moito que ten que dicir a mocidade.
De cada debate, o xurado, emitirá unha puntuación coa que se conforma a clasificación final e cuxos dous primeiros equipos recibirán como agasallo material cultural por valor de 500 e 300 euros respectivamente, ademais de se clasificaren para a final. As competicións poderán seguirse a través do Twitter: @MocidadeDebate e o Facebook: www.facebook.com/pages/Club-de-debate/340173912683525. Contra as 18:00 horas coñeceremos os equipos gañadores e terá lugar a entrega de premios.
Composición do xurado
O xurado desta fase de zona estará composto pola xornalista, Inés Dopazo; a profesora de ensino secundario, Merche Espiño; a lingüista do Diario Oficial de Galicia, María Xosé Quintáns; o técnico de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Bermúdez; e a profesora de ensino secundario, Valentina Fomoso. Tal como especifica o regulamento do Club de Debate para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación ou a lóxica.
Final galega
Os dous primeiros equipos clasificados en cada unha das zonas participarán na final galega, que terá lugar o sábado, 6 de maio, no Centro Social de Santa Marta, en Santiago de Compostela. O premio final que agarda ao equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegárense ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais. En consonancia tamén con este obxectivo, o tema sobre o que debaterán na final é O futuro da lingua está na mocidade”.




