[08-04-2016] O Concello de Ames informa de que este sábado, 9 e abril, Bertamiráns acollerá o parque pechado do Rallye de Noia. Os máis de 130 vehículos que participan nesta competición estacionarán entre as 13:30 e as 16:30 horas no aparcadoiro da Telleira. Debido a iso, nesta zona de estacionamento non se poderá estacionar (estará pechada ao público) entre as 00:00 e as 16:30 horas deste sábado 9 de abril.
Este ano a trixésimo segunda edición do Rallye de Noia, que organiza a Escudería Berberecho, fai parada en Ames. Na localidade de Bertamiráns estará instalado o parque pechado de mediodía. A partir das 13:30 horas irán chegando ao aparcadoiro da Telleira os máis de 130 coches que participan nesta competición automobilística.
Deste xeito, os veciños e veciñas poderán achegarse ata este lugar ata as 16:30 horas, para poder ver todos os coches que participan nesta proba que se enmarca dentro do calendario do campionato galego de Rallyes.
Ademais, isto repercutirá de xeito positivo no sector hostaleiro amesán xa que pilotos, copilotos, os equipos de cada escudería participante neste rallye, e todo o persoal de afeccionados que seguen esta competición pararán en Bertamiráns para comer.
Por último, cómpre salientar que o aparcadoiro da Telleira estará pechado ao publico e non se poderá estacional neste lugar entre as 00:00 e as 16:30 horas deste sábado 9 de abril.




