Pestanas principais

Bertamiráns acolle mañá a final da fase comarcal do IV Club de Debate no que participan 8 equipos e 68 estudantes

Xoves, 26 de febreiro de 2015

[26-02-2015] O Concello de Ames participa por cuarto ano consecutivo no Club de Debate e nesta edición volverá a ser sede da final da fase comarcal, despois de facelo no ano 2013. Participarán un total de 68 estudantes (de 4º de ESO e 1º de Bacharelato) e 6 profesores dos institutos de Ames, Santiago, Rois e Padrón. A actividade terá lugar mañá venres entre as 9:00 e as 20:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os dous equipos gañadores desta xornada pasarán á final galega que se celebrará no Pazo da Cultura de Carballo o domingo 26 de abril.

O Club de Debate é unha iniciativa na que participan nove concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario e está coordinado polos servizos de normalización lingüística municipais. Organízase como unha competición deportiva, con debates entre dous equipos, e o obxectivo é promover o pensamento crítico e analítico, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia e o traballo en equipo á vez que se impulsan os usos orais en lingua galega en contextos formais e informais.

A competición organízase en tres fases comarcais e unha final galega. A Bertamiráns asistirán un total de 8 equipos e a temática sobre a que terán que debater será: a industria cultural galega ten pouca conexión coa sociedade. Do Concello de Ames participan cinco grupos, catro deles do IES de Bertamiráns e un do IES do Milladoiro. En total están integrados por 50 mozos e 3 preparadores docentes. Ademais, asistirán 5 alumnos do IES Antonio Fraguas de Santiago, 4 rapaces do CPI dos Dices-Rois e 9 escolares do IES Macías o Namorado, de Padrón.

Desenvolvemento da fase comarcal
A presentación da fase final comarcal terá lugar mañá ás 9:00 horas e a ela asistirán unha representación do goberno municipal dos concellos participantes. A continuación, ás 9:30 horas, comezará o primeiro dos debates. Entre as 14:30 e as 16:30 horas haberá unha pausa para xantar e posteriormente retomarase a actividade. Será unha xornada de intensos coloquios aberta a todo o público que desexe achegarse á Casa da Cultura de Bertamiráns.

As competicións poderán seguirse a través do Twitter: @MocidadeDebate e o Facebook: www.facebook.com/pages/Club-de-debate/340173912683525. De cara as 19:45 horas terá lugar a entrega de premios, que consistirá nunha achega de material cultural valorado en 300 e 500 euros.

Composición do xurado
O presidente do xurado será Manuel Bermúdez Blanco (técnico de normalización lingüística da USC), mentres que no posto de vogais estarán Lorena Rey Noya (poeta e profesora de lingua e literatura galega no IES Xelmírez I); Rosabel Candal Bouzas (xornalista); Alba Nogueira (profesora de dereito da USC); e Federico Pérez Rei (actor e guionista). Tal como especifica o regulamento do Club de Debate para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación ou a lóxica.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames acoge la final de la fase comarcal del club de debate, con 8 equipos"