Pestanas principais

Bertamiráns acolle este venres un concerto solidario de folclore galego en beneficio das mulleres da India

Xoves, 06 de xuño de 2019

A delegación de Santiago de Compostela de Manos Unidas, en colaboración co Concello de Ames, organiza este venres, 7 de xuño, un concerto benéfico de folclore galego na Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento, que comezará ás 18.30h, contará coa actuación dun total de sete agrupacións musicais, tanto de Ames como de distintas zonas da provincia. O importe recadado será destinado a un proxecto que Manos Unidas desenvolverá na India, a través do que pretende dotar a unhas 600 mulleres  de recursos en materia de igualdade e emprendemento laboral, ao tempo que se lles prestará axuda para mellorar a súa situación. O donativo está fixado en cinco euros por persoa.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, ás 18:30 horas, un concerto solidario de folclore galego organizado pola delegación compostelá de Manos Unidas. O evento musical contará coa participación da Coral de Amigos de Javier Otero, a Coral Val de Sar de Padrón, Grupo Terra de Ames, Grupo Retranqueiros, Grupo Agronovo de Esteiro, as Pandereteiras A Maíanas e do Coro parroquial de Ames e Piñeiro. A entrada para o concerto, que conta coa colaboración do Concello de Ames,   ten un custo de 5 euros.
 
O recadado durante o acto será destinado ao novo proxecto que Manos Unidas porá en marcha na India, país no que a organización leva traballando dende 1971. A través desta iniciativa, destinada a un total de 450 mulleres e 150 adolescentes da rexión rural de Rajastán, levaranse a esa zona os recursos necesarios para por en marcha un plan de emprendemento laboral co obxectivo de axudalas a que adquiran unha serie de capacidades destinadas á creación de negocios colectivos, sostibles e rentables. Ditas actividades xirarán arredor da costura e a elaboración de encurtidos, deterxentes ou xabóns, para o que poderán aproveitar a materia prima da zona, así como xestión de axudas para a creación de microempresas e o cultivo de pastos e coidado de animales.

Asemade, tamén se impartirán talleres sobre igualdade e dereitos da muller co obxectivo de facilitar o seu empoderamento, e investirase na formación de matronas e no acceso á saúde. A finalidade deste proxecto é ofrecerlle á esta poboación unha serie de ferramentas para mellorar a súa calidade de vida de cara ao futuro, a través do crecemento persoal e o desenvolvemento económico. As zonas rurais nas que se levarán a cabo estas actuacións están marcadas por unha orografía montañosa, un forte patriarcado, unha importante dependencia das chuvias amazónicas e un ríxido sentido de estratificación social establecido mediante castas.
 
Pola súa banda, Mans Unidas é unha organización non gubernamental española con sesenta anos de historia. Na actualidade, conta con 73.381 socios/as, 5.345 voluntarios e 72 delegacións repartidas por toda España. Asemade, está presente nun total de 54 países a través de 907 proxectos.

cartel portada concerto solidario mans unidas ames folclore

Multimedia

  • cartel concerto solidario mans unidas ames