Pestanas principais

Benestar Social pon en marcha unha campaña con motivo do Día contra a violencia de xénero, que inclúe un concurso de tweets e fotos dirixido a concienciar á poboación máis nova

Venres, 18 de outubro de 2013

[18-10-2013] O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, acaba de poñer en marcha o primeiro concurso de fotografías e tweets contra a violencia de xénero. Este venres pola mañá, o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, presentaron esta campaña aos membros da corporación, traballadores municipais e responsables do IES de Ames e IES do Milladoiro. O obxectivo é concienciar aos mozos/as sobre a erradicación da violencia de xénero. Este concurso enmárcase dentro da campaña que leva por lema "Coa miña chistera fago desaparecer a violencia".

Existen dúas categorías para concursar
Establécense dúas categorías para concursar: unha de tweets e outra de fotografía. Os tweets poderán incorporar unha fotografía do autor/a vestindo a chistera morada que é símbolo desta campaña e cun cartel no que vai incorporado o lema "Coa miña chistera fago desaparecer a violencia". Para facilitar a participación, o Concello de Ames repartirá chisteras polos centros educativos do municipio e polas dependencias municipais co obxectivo de que todas aquelas persoas que o desexen poidan facerse a foto e participar no concurso.

A Concellería de Benestar Social nomeará un xurado integrado por cinco persoas, que será o encargado de avaliar os tweets e as fotografías presentadas a concurso,. Este xurado estará integrado polo alcalde de Ames, a concelleira de Benestar Social, dous técnicos municipais da área de Igualdade e un membro do departamento de comunicación. Os criterios de valoración para elixir ás persoas gañadoras serán o contido e o tratamento do tema, a orixinalidade e a capacidade de impacto da mensaxe.

O xurado emitirá o seu fallo antes do día 23 de novembro, que se fará público na web municipal (www.concellodeames.org) e no perfil de Twitter @IgualdadeAmes. Neste fallo designarase o mellor tweet e a mellor fotografía presentada a concurso. A identificación persoal dos/as autores/as realizarase unha vez emitida a resolución do xurado. As persoas seleccionadas deberán responder nun prazo de 48 horas; se transcorrido ese tempo non houbera resposta, entenderase que renuncian ao premio. Os premios para as persoas gañadoras en cada unha das dúas categorías será unha tablet.

Este concurso está dirixido aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos. A participación realizarase a través da rede social Twitter. Os tweets e as fotos deberán enviarse entre o 21 de outubro e o 21 de novembro, ambos incluídos. Cómpre destacar tamén que os tweets que participen no concurso deberán incluír o hastag #amessenviolencia e facer mención ao perfil @IgualdadeAmes. As bases do concurso poden descargarse da web www.concellodeames.org.

A concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, explicou que “nesta campaña pode participar todo o mundo, pero o obxectivo principal desta campaña é concienciar aos máis novos sobre esta lacra, para poder loitar todos xuntos contra ela”.

Todos os asistentes á presentación posaron cunha chistera morada e cun cartel no que se ve reflectido o lema da campaña. Tanto as chisteras como os carteis estarán a disposición dos que queiran participar en diferentes instalacións municipais: nas oficinas do Concello, nas Casas da Cultura de Bertamiráns e o Milladoiro, e nas instalacións dos IES de Ames e do Milladoiro.

Á presentación asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar; a concelleira de Maiores, María Carmen Verde; os concelleiros socialistas Francisco Villaverde e Isabel González, e os concelleiros non adscritos Anxo Doval, Pilar Candocia, Manuel Ferreiro, María González e Alfonso Rey. Tamén asistiu a directora do IES de Ames, Marisol Louro e traballadores/as municipais de Servizos Sociais e doutros departamentos. 

Con motivo da celebración o vindeiro 25 de novembro de 2013 do Día internacional de loita contra a violencia de xénero, o Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, puxo en marcha a primeira edición do concurso de fotografías e tweets contra a violencia de xénero. O obxectivo deste concurso, enmarcado na campaña que leva por lema "Coa miña chistera fago desaparecer a violencia", é incrementar a concienciación e sensibilidade da xuventude de Ames ante esta lacra social.


Contido relacionado


Perfil de Twitter @IgualdadeAmes
La Voz de Galicia: "Chisteras contra la violencia de género"