Pestanas principais

Bases das axudas municipais por familia numerosa

Venres, 08 de xuño de 2012

[08-06-2012] O Concello de Ames, en sesión de Xunta de Goberno Local celebrada o 22 de maio de 2012, prestou aprobación as bases reguladoras da prestación económica de pagamento único de familia numerosa 2011. Estas bases teñen por obxecto establecer as condicións xerais que rexerán as axudas municipais por familia numerosa, destinadas a proporcionar un apoio económico a aquelas familias cualificadas como numerosas polo órgano competente en materia de benestar social da Xunta de Galicia ou organismos análogos doutas comunidades autónomas. Poderán ser beneficiarias desta axuda as unidades familiares que teñan fixada a súa residencia real e efectiva no Concello de Ames, debendo de acreditar como mínimo un ano de antigüidade ininterrompido de residencia á data de formulación da solicitude, xunto co resto de requisitos que se establecen no artigo 4.

As solicitudes, acompañadas pola documentación especificada no artigo 6, presentaranse no rexistro municipal correspondente ou por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. As oficinas municipais de servizos sociais, situadas en Bertamiráns (Casa da Cultura, praza Chavián, s/n) e no Milladoiro (rúa de Abaixo número 10), facilitarán a información referente a estas axudas e ao seu procedemento de solicitude e resolución. O prazo para presentar as solicitudes é dun mes a contar dende o 9 de xuño de 2012. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases por familia numerosa.