[01-03-2016] Este venres, 4 de marzo, ás 18:30 horas a compañía Baobab comezará a representación da súa obra "Luppo" na Casa da Cultura de Milladoiro. Unha peza creada pensando no público infantil. Merecedora, no ano 2015, do premio ao mellor espectáculo infantil da Feira de Teatro Ciudad de Rodrigo a obra conta a historia de Luppo, un señor maior e de Tulún, o neno que cada mañá lle leva o xornal ata a súa casa.
Óscar Ferreira dirixe esta obra na que se combina o traballo de actores cunha escenografía e disfraces realizados en cartón. Andrea Bayer e Xosé Manuel Esperante son os artistas que axudan a que a historia cobre vida. Cada día, á mesma hora, Luppo escoita unha canción de ópera, sempre a mesma, recibe o xornal, o pan e un saquiño de especias traído por Tulún e, cambio da súa visita, Luppo agasalla ao neno cunha historia. Esta rutina, animada polos lazos de amizade que se establecen entre os dous, interrómpese bruscamente o día que Tulún se decata de que o seu amigo non está en casa.
Baobab Teatro é unha compañía especializada en crear e representar obras para o público infantil. As súas obras combinan o traballo de actores e actrices con monicreques e unha escenografía que acompaña a cada unha das obras formando parte da narración e creando ambientes cálidos e familiares, como o de Luppo.
As entradas para "Luppo" xa están dispoñibles na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través do banner da páxina principal da web municipal, e poderanse mercar até dúas horas antes do comezo do espectáculo. Unha hora antes de que se abran as portas do auditorio do Milladoiro tamén se venderán entradas para a obra. O prezo da entrada xeral é de 4 euros e de 2 euros a reducida. O prezo reducido aplícase a mulleres e homes maiores de 65 anos, a nenos e nenas menores de 12 e a estudantes en posesión do carné.




