[26-06-2015] O Concello de Ames súmase ás localidades e municipios onde estes días ondea a bandeira arco iris, en conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI. A devandita bandeira foi colaca esta mañá, ás 13:00 horas, no balcón da Casa do Concello e permanecerá neste lugar ata o vindeiro luns 29 de xuño. Esta é a primeira vez que ondea esta bandeira na Casa do Concello de Ames. Ademais, o goberno municipal elaborou un manifesto institucional no que se recolle o compromiso coas reivindicacións dos movementos sociais que demandan unha sociedade máis xusta. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás leer o devandito manifesto.
Este domingo, 28 de xuño, celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBI. O Concello de Ames súmase ao resto de concellos do Estado que conmemoran esta efeméride e para elo o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Benestar social e Dereitos para a cidadanía, Luísa Feijóo, colocaron esta mañá a bandeira arco iris no balcón da Casa do Concello.
Asemade, elaborouse un manifesto institucional no que se recolle o compromiso coas reivindicacións dos movementos sociais que demandan unha sociedade máis xusta. Segundo se recollle no devandito manifesto; neste 2015 en España celebrase o décimo aniversario da Lei de Matrimonio Igualitario que posibilitou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, aprobada polo Congreso dos Deputados e Deputadas o 30 de xuño de 2005, e que entrou en vigor o 3 de xullo dese ano.
Unha lei que veu a recoñecer o dereito de calquera cidadán e cidadá a casarse con quen quixese, cos mesmos dereitos e cos mesmos nomes. Un pequeno cambio legal que tanta felicidade e dignidade trouxo para millóns de persoas, e que supuxo o fin da discriminación legal cara a lesbianas e gais, así como a culminación dunha longa loita dos colectivos LGTBI en favor da igualdade e os dereitos civís.
No Concello de Ames queremos comprometernos permanentemente coas reivindicacións dos movementos sociais en demanda dunha sociedade máis xusta, igualitaria e diversa, e por iso este ano queremos apoiar co acto simbólico de colgar a bandeira LGTBI no balcón da Casa Consistorial para, deste xeito, axudar a visibilizar a este colectivo tantas veces marxinado, atacado e discriminado. Consideramos que é o momento de alzar a voz en demanda de leis pola igualdade real, porque recoñecida a igualdade formal aínda queda moito camiño por percorrer para alcanzar a igualdade efectiva de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Santiago y Ames lucen por vez primera la bandera multicolor"
La Voz de Galicia: "La bandera gay también ondea por primera vez en el Concello de Ames"




