[16-07-2018] Este venres, 20 de xullo, ás 22.00 horas, volven as Noites en Vela da man da Banda da Loba. O escenario, como nas anteriores noites, será A Ponte Maceira, alumeada para a ocasión cun milleiro de candeas. Os Concellos de Ames e Negreira son os organizadores desta iniciativa, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a Xunta de Galicia e GADIS. Ao remate do concerto haberá un espectáculo pirotécnico.
Unha nova xornada das Noites en Vela chega este venres, 20 de xullo, aos concellos de Ames e Negreira. O escenario, como nas anteriores noites, será A Ponte Maceira, alumeada para a ocasión cun milleiro de candeas. Os Concellos de Ames e Negreira son os organizadores desta iniciativa, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a Xunta de Galicia e GADIS.
A Banda da Loba será o grupo encargado de amenizar esta nova Noite en Vela na Ponte Maceira. A Banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto. Destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.
Neste momento están a presentar o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas, por toda Galicia, no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Este grupo está composto por Andrea Porto, Inés Mirás, Marcela Porto, Estela Rodríguez e Xiana Lastra. Todas elas estarán este venres na Ponte Maceira para encher de música a contorna da Ponte Maceira, a ponte romana que divide os concellos de Ames e Negreira.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ponte Maceira estará iluminada cun milleiro de candeas este venres"
Compostela 24 horas: "A Banda da Loba actúa este venres na Ponte Maceira dentro do programa As Noites en Vela"