Pestanas principais

“Bailamos” de Aquelando Teatro de Muros representarase este sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns

Mércores, 27 de novembro de 2019

Este sábado 30 de novembro chega ao Concello de Ames a obra de teatro “Bailamos” de Aquelando Teatro de Muros. Será ás 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Destinada a un público adulto, as entradas son de balde ata completar aforo.

Con motivo da XIV Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, organizada polo departamento de Cultura do Concello xunto coa Deputación da Coruña, o sábado 30 de novembro representarase a peza “Bailamos”. A obra, dirixida por Lucho Penabade, é unha peza teatral que recolle vivencias propias representadas polos seus protagonistas co afán de recoñecelas e compartilas.

No acontecer presente e pasado conviven sensacións e historias que nos van marcando para toda a vida. Así, nesta obra de teatro representarase a historia propia dun dos seus integrantes. Nunha ruta en bicicleta co seu curmán, o protagonista ten un accidente e, estando inconsciente, di ver o máis alá. Represéntase así a súa viaxe, con quen se encontra, como o vive e como é a viaxe de volta á vida real. Unha andaina ao máis aló que se relatará mellor coa música que a acompaña, propia do ano no que sucede a historia, 1995.

Aquelando Teatro de Muros leva 20 anos facendo teatro, e desde fai uns anos, pon en escena as vivencias propias dos seus integrantes. “Ultimamente estamos moi a favor de contar historias propias dos integrantes do grupo porque son universais” comenta o seu director, Lucho Penabade. E engade que “dende a humildade máis absoluta, preferimos contar as nosas propias historias en vez de adaptar obras de teatro máis famosas”. Desta maneira, os seus integrantes, que foron crecendo co grupo en todos estes anos, son os protagonistas totais de cada unha das súas obras.

Cartel Mostra Teatro Afeccionado

Multimedia

  • Cartel Mostra Teatro Afeccionado