Pestanas principais

Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames

Xoves, 11 de abril de 2024

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe o primeiro dos dous foros que se organizaron para explorar proxectos estratéxicos cos principais actores sociais do concello. Participaron representantes de clubs deportivos, asociacións empresariais, culturais, veciñais e de carácter social. Tamén participaron técnicos municipais do Concello e coworkers do espazo colaborativo A Proa. Coas achegas propostas elaborarase un documento que recolla as estratexias e proxectos acordados neste proceso participativo. O segundo foro será a vindeiro xoves, 18 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

​O alcalde de Ames, Blas García, que estivo acompañado por unha ampla representación do goberno municipal, foi o encargado de abrir o foro realizado esta mañá no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Na súa intervención destacou a importancia da participación cidadá neste documento que definirá “o Ames do futuro e reforzará as opcións do concello a optar a financiamento europeo no futuro”.

​O obxectivo destes foros é facilitar o encontro entre as distintas entidades e actores do municipio co obxectivo de que se poidan expoñer aquelas estratexias, proxectos e accións máis prioritarias que se están a realizar, ou se teñen previsto realizar, dende o ámbito de actuación local.

​O rexedor municipal destacou que “dende o convencemento de que o principal valor de futuro para o noso municipio é a capacidade de asociación entre os actores do territorio para afrontar os desafíos comúns, celébranse dous grandes foros municipais da Axenda Urbana de Ames. Estes foros participativos de exploración de retos e proxectos estratéxicos, permitiranos identificar os plans, programas e proxectos prioritarios do Ames de futuro que queremos e podemos conseguir”.

Blas García tamén explicou que “a Axenda Urbana é importante porque vai marcar o desenvolvemento do noso concello nos vindeiros anos, e todos e todas estamos aquí porque estamos preocupados por como vai ser ese avance, ese desenvolvemento. A Axenda Urbana é un documento estratéxico que estamos elaborando a maioría dos Concellos e que, fundamentalmente, ten que ser colaborativo e participativo coa veciñanza de Ames. Polo tanto, calquera veciño/a que queira participar e que teña unha idea que trasladar pode facelo”.

​Este primeiro foro foi unha xornada de traballo na que participaron representantes de clubs deportivos, asociacións empresariais, culturais, veciñais e de carácter social. Tamén participaron técnicos municipais do Concello e coworkers do espazo colaborativo A Proa. O alcalde dixo “este foro serve para recoller todas as propostas e ideas que teñades sobre o noso concello; como vedes vós o Ames do futuro desde distintos ámbitos. Por iso é importante que todos aportemos o noso gran de area. Todas as ideas e propostas son válidas e estarán recollidas nese documento estratéxico que estamos elaborando”.

​“Para chegar a este momento houbo un traballo previo, con reunións sectoriais e con outro documento estratéxico cunhas bases do que marca o desenvolvemento e o crecemento do noso concello. Hoxe estamos aquí para seguir avanzando, para escoitarvos e que acheguedes todas as ideas que teñades. Isto non acaba hoxe; elaboraremos un documento que trasladaremos ao ministerio. E non é o mesmo levar un documento elaborado só pola Corporación que un no que se reflictan achegas da veciñanza, asociacións e colectivos do concello”, destacou Blas García.

A través destes foros preténdese ampliar a base ou coñecemento sobre os proxectos e accións que as entidades, organizacións e institucións están a realizar ou teñen previsto realizar no municipio (terceiro sector, iniciativa privada e outros niveis da administración pública); así como identificar os proxectos, programas e accións máis importantes con incidencia nos grandes obxectivos definidos na Axenda Urbana de Ames para impulsar a acción colaborativa interinstitucional e público - privada e coa iniciativa social.

Ademais, búscase establecer unha orde de priorización dos devanditos proxectos e identificar aqueles que serán abordados de maneira prioritaria no marco da Axenda Urbana de Ames; e identificar os actores con capacidade de incidencia e colaboración entre eles no desenvolvemento de cada un dos proxectos priorizados.

Estrutura da xornada
​Unha vez rematada a presentación do evento, persoal da empresa EOSA explicou a metodoloxía da xornada participativa e dividiuse aos participantes en dous grupos para participar en dúas mesas de traballo.

​Na dinámica participativa houbo dúas roldas de intervencións onde se abordaron dúas preguntas. En primeiro lugar, cada participante explicou dende o seu ámbito de actuación, cales son os tres proxectos ou programas prioritarios que está a realizar, ou ten previsto realizar, desde a súa entidade/organización, que incidan nos obxectivos da Axenda Urbana de Ames e que é necesario fortalecer ou ampliar para conseguir o Ames que queremos.

Ademais, cada actor explicou cales consideran que son os tres proxectos prioritarios que deben desenvolver os actores externos (Xunta, Estado, UE etc.) para conseguir o Ames que queremos. Ao finalizar as roldas de intervencións, cada unha das persoas asistentes cumprimentaron un cuestionario, organizado en base a estas dúas preguntas tratadas nas intervencións.

A última fase do Foro foi unha posta en común, na que os/as participantes expuxeron brevemente os principais proxectos que xurdiron nas distintas mesas de traballo.

​Obxectivos estratéxicos e transversais
​A Axenda Urbana de Ames ten unha serie de obxectivos estratéxicos e transversais. Os principais obxectivos estratéxicos son fomentar a cohesión territorial entre Bertamiráns e O Milladoiro, como núcleos centrais integrados e conectados co territorio interno e externo do municipio; poñer en valor os recursos endóxenos do territorio conectándoos entre eles; organizar os recursos e as necesidades de Ames para diminuír os efectos do cambio climático no municipio; xerar un espazo urbano e rural agradable, integrador e acolledor a todas as persoas; atender ás necesidades concretas da poboación de Ames, poñendo atención á súa característica situación demográfica; e dinamizar económica e produtivamente o territorio de Ames.

Por outra banda, entre os obxectivos transversais figuran fomentar e favorecer a gobernanza colaborativa no interior e de cara ao exterior do municipio; asegurar a igualdade de xénero en todos os estadios e proxectos da Axenda Urbana de Ames; e transicionar cara a era dixital no municipio.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames se involucra en la elaboración de su Agenda Urbana más colaborativa con dos foros"

Ames Go: "Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames"

Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames

Multimedia

  • Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames
  • Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames
  • Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames
  • Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames
  • Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames
  • Axentes sociais e persoal municipal implícanse na elaboración da Axenda Urbana de Ames