[04-05-2018] A última hora de onte a Axencia Galega de Infraestruturas notificoulle ao Concello de Ames a adxudicación do contrato de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Dito contrato foi adxudicado a empresa Construcciones Ramírez S.L.U. por un importe de 2.371.847 euros (IVE incluído). O licitador que presentou a oferta economicamente máis vantaxosa baixou en 282.849,11 euros o presuposto inicialmente previsto para dito proxecto. No proceso de licitación participaron un total de 22 empresas. O prazo previsto para a execución das devanditas obras é de 17 meses, polo que de cara a final de 2019 o novo centro de saúde debería estar rematado.

Durante as últimas semanas o goberno municipal realizou varias chamadas e enviou varios escritos á Consellería de Sanidade preguntando polo estado no que se atopaba a licitación das obras de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Onte xoves, 3 de maio, a última, o Concello de Ames recibiu notificación por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, sobre a adxudicación do citado proxecto. No proceso de licitación participaron un total de 22 empresas. O prazo previsto para a execución das devanditas obras é de 17 meses, polo que de cara a final de 2019 o novo centro de saúde debería estar rematado.
Cómpre lembrar que o pasado 26 de setembro de 2017 aprobouse o expediente de contratación en relación ao procedemento de adxudicación da obra de construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Posteriormente, o 13 de outubro de 2017 o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e ao delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, xunto con membros do goberno municipal e dos grupos da oposición, visitaron a parcela onde se ten previsto construír esta infraestrutura para presentar o proxecto e anunciar a licitación das devanditas obras.
Agora, unha vez realizada a adxudicación do contrato ábrese un período no que as entidades que se presentaron ao proceso de licitación poderán interpoñer recurso de alzada se o consideran necesario. A formalización do contrato efectuarase en documento administrativo non máis tarde dos 15 días hábiles seguintes a aquel en que se reciba a notificación da adxudicación.
Características do centro de saúde
Este novo centro da rede sanitaria pública galega, construirase nunha parcela cedida polo Concello que ten unha superficie de aproximadamente 5.000 m2, sendo o prazo de execución da obra de 17 meses. O edificio contará cunha área de medicina con seis consultas de medicina xeral, catro de enfermería e cadansúas consultas de farmacia, odontoloxía e hixienista dental; ademais dunha sala de toma de mostras, e tres consultas polivalentes.
Pola súa banda, a área pediátrica terá dúas consultas de pediatría e unha consulta de enfermería pediátrica; mentres que a área da muller terá unha consulta de matrona e unha sala de educación para a saúde. O centro terá así mesmo unha área de fisioterapia e rehabilitación, un despacho para o traballador social, unha área de persoal e disporá dos servizos de apoio e administrativos necesarios para o funcionamento das instalacións. En total, o centro de saúde disporá dunha superficie construída de máis de 2.100 metros cadrados.
O edificio está composto basicamente dunha planta, á que se accederá dende a parte alta da parcela, destinada ás zonas de uso público. Como o terreo ten unha pendente, na zona onde a superficie é máis baixa hai tamén unha planta -1, que albergará a zona restrinxida ao persoal, instalacións e almacéns.
O esquema de funcionamento do edificio está estruturado en bloques, cada un deles cun uso concreto: un para pediatría e área da muller, tres para consultas de adultos e o último para fisioterapia. Este novo centro da rede sanitaria pública galega, que atenderá unha poboación de arredor de 14.000 persoas, suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras dos veciños de Ames.

Contido relacionado

Lindeiros: "Adxudicada a construción do Centro de Saúde do Milladoiro que terá que estar rematado en 17 meses"
Ames Go: "A Axencia Galega de Infraestruturas adxudica o contrato para a construción do novo centro de saúde do Milladoiro por 2.371.847 euros"
La Voz de Galicia: "La Xunta adjudica el contrato del centro de salud de Milladoiro por 2,3 millones y un plazo de 17 meses"
Compostela 24 horas: "Adjudicado el contrato para la construcción del nuevo centro de salud de Milladoiro"




