Pestanas principais

Avanzan as obras de mellora da accesibilidade na zona leste do Milladoiro

Martes, 05 de xullo de 2022

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García, acompañado dos concelleiros de Urbanismo e Rural, Víctor Fernández e Santiago Márquez, realizaron o pasado mércores 29 de xuño dúas visitas a actuacións en Bertamiráns e no Milladoiro. Neste senso, estiveron na zona entre a rúa do Rego e a rúa Costa Grande, no Milladoiro, na que se investiron preto de 100.000 euros para mellorar a accesibilidade do espazo público, actuando no mobiliario urbano, vías e beirarrúas.

O Goberno municipal realizou a pasada semana dúas visitas as obras que se están levando a cabo na Horta de Abaixo, en Bertamiráns, e na zona entre a rúa do Rego e a rúa Costa Grande, no Milladoiro, nas que o Concello de Ames investiu preto de 370.000 euros. Ambas actuacións, incluídas no plan POS 2021 da Deputación da Coruña, teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade das rúas amesás e o estado e a funcionalidade dos espazos comúns públicos.

Deste xeito, o alcalde de Ames e concelleiro de Obras, Blas García; o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, e o concelleiro do Rural e Participación Cidadá, Santiago Márquez, visitaron ambas as dúas actuacións o pasado mércores 29 de xuño, acompañados de persoal municipal e da empresa redactora dos proxectos.

Na zona leste do Milladoiro, á altura da rúa Costa Grande, están en marcha varias obras de mellora da accesibilidade, que irán dende a rúa do Rego ata a travesía do Porto, e que foron adxudicadas á empresa Asfalgal Técnicas Viarias SL por 99.934,83 euros. Nesta área, actuarase sobre diferentes partes do mobiliario urbano, así como nas vías para vehículos e peóns. Neste senso, alcalde, concelleiros e persoal observaron o progreso en varios vaos e ramplas, que se están a adaptar para cumprir as normativas de accesibilidade.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou que “o Goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo da planificación iniciada no mandato anterior coa que se realizaron varias obras. A través destas obras conseguimos crear un sendeiro accesible que comunique a parte baixa do Milladoiro coa parte máis alta, facilitando deste xeito a comunicación e accesos para as persoas con problemas de mobilidade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Continúan os traballos de mellora da accesibilidade entre Rego e Costa Grande"

Enfoques: "Avanzan las obras de mejora de accesibilidad en la zona leste del Milladoiro"

Avanzan as obras de mellora da accesibilidade na zona leste do Milladoiro

Multimedia

  • Avanzan as obras de mellora da accesibilidade na zona leste do Milladoiro
  • Avanzan as obras de mellora da accesibilidade na zona leste do Milladoiro
  • Avanzan as obras de mellora da accesibilidade na zona leste do Milladoiro