[21-08-2012] Os traballos de urbanización no entorno denominado Rego dos Pasos Sur (IV), situado a carón do paseo fluvial de Bertamiráns, avanzan a bo ritmo. Neste entorno, que conta con 66.263 metros cadrados edificables e no que a xunta de compensación comezou a traballar no mes de maio, está situada a parcela de 3.389 metros cadrados cedida polo Concello de Ames á Xunta de Galicia para a construción dunha nova escola infantil.
Esta mañá visitaron a zona o concelleiro de Urbanismo, Ramón García Argibay, e o edil de Educación, Bernardo Moar, que puideron comprobar o estado actual dos traballos de urbanización e acondicionamento. A parcela de 3.389 metros cadrados, situada ao lado da estrada, conta xa coa instalación dos servizos e canalizacións básicas e os operarios traballan na súa urbanización. De feito, xa están instaladas as canzalizacións e as acometidas, e os pozos de depuración atópanse moi avanzados.
Do total de 66.263 metros cadrados edificables que compoñen o entorno Rego dos Pasos Sur (IV), 8.857 son de uso comercial e 57.406 de uso residencial. Ademais, a zona contará con amplas zonas verdes e coa proximidade do paseo fluvial de Bertamiráns, que se estenderá ao redor do entorno.
En xaneiro deste ano, o pleno amiense aprobou por unanimidade o último trámite de cesión desta parcela para a construción dunha segunda escola de educación infantil en Bertamiráns. O Goberno amiense seleccionou esta ubicación para a escola infantil por considerala como a máis adecuada, xa que a superficie reservada é superior á do anterior proxecto, e, ademais, trátase dunha zona moi céntrica.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Siguen urbanizando Rego dos Pasos para dotar con otra escuela a Bertamiráns"
La Voz de Galicia: "La parcela que Ames cedió a la Xunta para la escuela infantil ya está urbanizada"




