Pestanas principais

Avanza o proceso de desenvolvemento dos sete proxectos premiados no Ames AV LAB

Xoves, 02 de abril de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, dá conta de como avanzan os sete proxectos que foron premiados con 10.000 euros cada un dentro do Ames AV LAB, para as actividades de definición e desenvolvemento inicial. Tramoloxía, O Laúro, Dous nichos para Maruja, Nemeto, 42.195 metros, Orquesta Raíña e Serenade foron os sete proxectos premiados. Estes premios, concibidos como capital semente, permitíronlle aos seus creadores avanzar no seu desenvolvemento inicial e atraer novas oportunidades de financiamento. Algúns dos proxectos están en fase de preprodución e busca de financiamento, mentres que outros xa teñen data de gravación.

Pasou preto de ano e medio desde que en decembro de 2024 se celebrou na Casa da Cultura do Milladoiro o acto de entrega de premios da primeira edición do Ames AV LAB, o laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual, que puxo en marcha o Concello de Ames e que contou con financiamento da Deputación da Coruña. O éxito desta primeira edición reforzou a visión do Concello de Ames como un referente no ámbito audiovisual, grazas a un ecosistema dinámico que combina talento, infraestruturas e apoio institucional.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “o éxito do Ames AV LAB reflicte o potencial do Concello de Ames como un municipio de talento no sector audiovisual. Cun tecido produtivo que inclúe empresas líderes en produción, posprodución, dobraxe e tecnoloxía dixital, Ames consolídase como un referente para o desenvolvemento de iniciativas innovadoras. Este programa non só contribuíu ao fortalecemento da industria local, senón que tamén sentou as bases para o xurdimento dunha nova xeración de líderes creativos con vocación internacional”.

Estes premios, concibidos como capital semente, permitíronlle aos seus creadores avanzar no seu desenvolvemento inicial e atraer novas oportunidades de financiamento. Deste xeito, avanza na súa preprodución a serie de ficción Tramoloxía, de Álvaro Alvite, que está rodando de xeito independente ao tempo que continúa desenvolvendo o proxecto. Co importe do premio  mercou unha cámara de cine coa que está rodando o proxecto. Dende o seu paso polo Ames AV LAB este proxecto foi seleccionado para unha residencia de Crea na illa de San Simón, baixo a titoría de Araceli Gonda. Ademais, na actualidade Álvaro Alvite traballa nun work in progress, que mostra o carácter e a trama fundamental do proxecto, co obxectivo de atopar un socio nalgunha produtora durante este ano 2026.

Curtametraxes en fase de preprodución
A curtametraxe O Laúro, de Andrés Sanjurjo, é outro dos proxectos premiados no Ames AV LAB. O Laúro continúa avanzando tras dous anos de desenvolvemento e financiamento, nos que foi recoñecido coa axuda de produción de AGADIC e o premio para asistir ao mercado do Figari Film Festival, en Cerdeña, no laboratorio Emerxente! Cine Lab. Actualmente, están traballando en novas vías de financiamento mediante coproducións internacionais con socios europeos e o proxecto busca posicionarse en mercados internacionais, alén de explorar acordos con televisións e outros premios de produción para impulsar o seu desenvolvemento e proxección.

A curtametraxe Dous nichos para Maruja, de Santiago Araújo, xa comezou a gravarse recentemente e retomará a gravación na segunda metade deste ano. Unha parte do importe do premio dedicouse a compra dunha cámara coa que está gravando o proxecto. O importe restante será dedicado á parte da montaxe.

Outras das curtametraxes en fase de desenvolvemento é Nemeto, de Claudia Bernández. Despois de estar no Ames AV LAB, Németo recibiu a subvención de AGADIC de produción e coprodución de proxectos audiovisuais, onde lle concederon 15.000 euros.
Ademais, tamén participaron no laboratorio de guión do FIC Bueu no ano 2025, e xa conta con datas de gravación que vai ser do 1 ao 6 de xuño deste ano. Deste xeito, xa teñen a maior parte do equipo pechado e contan coa participación de Sara Ferro, Noelia González e Alejandro Jato como actrices e actor protagonistas.

Por outra banda, a produtora Mala Herba, que produce Nemeto, alcanzou fitos como o Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero, e a súa web serie Nómades, de Marta Insua está dispoñible na plataforma de agalega.gal. Ademais, a súa curtametraxe Curmán, de Alejandro Jato, foi recoñecida como mellor curtametraxe na gala dos XXIV Premios Mestre Mateo, despois dunha longa traxectoria por festivais, destacando no Festival de Cans, onde recibiu catro premios (mellor actriz para Melania Cruz, mellor fotografía para Alicia Francés, Premio do xurado a mellor curtametraxe de ficción e Premio do xurado dos veciños a mellor curtametraxe).

Longametraxes e series de ficción
Por outra banda, tras o seu paso polo Ames Av Lab, a longametraxe 42.195 metros de Noelia Papín, continúa en proceso de desenvolvemento. Actualmente estase a profundar no traballo de guión, a través dunha microcredencial especializada en escritura na facultade de Comunicación Audiovisual de Pontevedra, impartido por grandes profesionais galegos, e reforzando o dossier co obxectivo de acceder a novas liñas de financiamento para o seu desenvolvemento, mentres desde a produtora continúan traballando na consolidación creativa e estratéxica dun proxecto que consideran clave dentro da súa liña de creación.

Outros dos proxectos que se atopan en fase de preproducción é Orquestra Raíña de Sergio Rodriguez. Esta serie de ficción foi presentada ao I+P Ideas para producir e á convocatoria de AGADIC para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos. Actualmente, o proxecto continúa na busca de orzamento e colaboración de produtoras interesadas.

Tamén avanza a longametraxe Serenade, do amesán Pedro Díaz, que se atopa actualmente en fase de preprodución. Comezará a súa rodaxe o 4 de maio durante seis semanas. Conta co financiamento do ICAA, do AGADIC, co apoio ao desenvolvemento da Comunidade de Madrid, e coa participación de RTVE e Movistar+.

Desde a participación do proxecto no Ames AV Lab, realizaron traballos de reescritura do guión, de localizacións, busca de financiamento en mercados e de casting. A inversión do premio destinouse principalmente a script doctors, a participación e viaxes en mercados, onde se presentou a longametraxe, ao traballo de localizacións e á contratación dunha directora de casting, que comezou en xaneiro do 2025 a busca de actores e actrices por toda Galicia.

Avanza o proceso de desenvolvemento dos sete proxectos premiados no Ames AV LAB