- Tematica
O alcalde, Blas García, vén de supervisar o avance das obras do Centro Multifuncional de Ames, en compañía da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e do concelleiro de Obras, Gustavo Nieto. A visita foi guiada polo persoal técnico da empresa adxudicataria da actuación, Construcciones Iglesias Mera.
O rexedor amosou a súa satisfacción polo bo ritmo das obras desde o seu relanzamento e lembrou que a intención do Concello é poder inaugurar o centro durante o presente ano 2026, de xeito que poida entrar en funcionamento no último trimestre: “Queremos inaugurarlo e que sexa útil para a nosa veciñanza durante este ano 2026; temos marcado no calendario o último trimestre”.
A concelleira de promoción económica, Ana Paz, confimrou que dende o departamento de Promoción Económica xa se está a traballar na elaboración dos primeiros cursos para a formación e a promoción de persoas con dificultades de integración laboral.
Esta actuación enmárcase dentro do plan Impulsa Ames e, desde o primeiro momento, foi considerada como un dos proxectos máis importantes da estratexia de desenvolvemento vinculada aos fondos europeos, debido ao seu carácter social e inclusivo, dirixido especialmente á mocidade e ás persoas en risco de exclusión social: “Para nós esta actuación era prioritaria e irrenunciable. Despois dunha mala experiencia coa anterior adxudicataria do contrato, é unha gran satisfacción ver como a obra avanza de novo sen contratempos”, explicou García.
Adxudicación e traballos pendentes
O remate do centro multifuncional do Milladoiro foi adxudicado, previa licitación, por un importe de 1.097.687 euros á empresa amesá Construcciones Iglesias Mera.
Os traballos pendentes de execución inclúen o acondicionamento do terreo, a cimentación e construción de estruturas, os cerramentos e particións, os illamentos e impermeabilizacións, os revestimentos e falsos teitos, a pavimentación, alicatados e chapados, a carpintería de madeira e metálica, a cerrallaría, a instalación dun ascensor, as pinturas e tratamentos da madeira, así como a urbanización da zona.








