[23-01-2012] O ano pasado rexistráronse en Ames arredor de 1.250 doazóns de sangue, o que supón un incremento superior ao 20% na participación con respeto ao ano 2010. A taxa rexistrada é dunhas 43 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Son os datos estimativos que lle facilitou ao Concello de Ames o Centro de Transfusión de Galicia. A concelleira encargada da área de sanidade, Eugenia Martín Vicente, explicou que se trata “de datos moi positivos que evidencian o compromiso dos amienses coa boa práctica de doar sangue”. Eugenia Martín anunciou tamén que o vindeiro día 1 de febreiro a unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia se achegará por primeira vez ata a parroquia amiense de Biduído, onde permanecerá dende as 18.30 ás 21.00 horas da tarde. A unidade móbil estará tamén en Bertamiráns o día 31 de xaneiro en horario habitual, de 09.30 a 14.30 h e de 18.30 a 21.00 h.
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia realizan aproximadamente unha vez ao mes unha campaña de doazón de sangue no Milladoiro e en Bertamiráns pero ademais dende o mes de agosto inclúense como novos puntos de doazón zonas do rural e urbanizacións amienses coma Biduído e Aldea Nova. Na concellería de Sanidade, que dirixe Eugenia Martín, trabállase xa dende hai meses para que aumente o número de doazóns, e das 1.019 doazóns de sangue do ano 2010 pasouse ás máis de 1.250 rexistradas no 2011. A intención, di Eugenia Martín "é manter estas cifras e incluso superalas para que a falla de sangue non sexa un problema para a saúde dos que a precisen, porque doar axuda a salvar vidas". Unha das últimas actividades que fixo a concellería de sanidade foi o envío de cartas en decembro de 2011 a mozos que cumpriran recentemente 18 anos para animar a facerse doante de sangue.
No verán de 2011 a ratio era de 37 doantes, e dende o Concello agardábase rematar o ano con 40 doazións por cada 1000 habitantes, pero a cifra superouse xa que a radio actual é de 43 doazóns por cada 1.000 habitantes. Con todo, dende a concellería de sanidade anímase a que as persoas que o desexen e poidan, se fagan doantes de sangue.
A unidade móbil do Centro de Trasfusión de Galicia estará en fronte á farmacia de Biduído o día 1 de febreiro por primeira vez e en horario de 18.30h a 21.00h da tarde. En Bertamiráns estará un día antes, o 31 de xaneiro, na Avenida da Mahía, dende as 9.30 ás 14.30 e dende as 15.30 ás 21.00h.
Jesús Quiroga, o farmacéutico de Biduído, explica que no rural pode haber boa acollida de doantes, pero que é preciso publicitalo pois ao principio é posible que a xente non se dea conta de que pode doar. Jesús valora moi positivamente que a unidade móvil se achegue ata núcleos distintos de Bertamiráns e Milladoiro, e anima a que a xente se conciencie de que doar sangue é unha aportación moi importante.
Requisitos para doar
Todas aquelas persoas que teñan intención de doar sangue deberán cumprir unha serie de requisitos entre os que destacan: ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 kg, ter comido e non doar dende fai dous meses. No caso de achegarse a doar despois do xantar é conveniente esperar dúas horas para facelo e sempre é recomendable ter algo no estómago cando se vai facer a doazón. Os homes poden donar ao ano un máximo de catro veces mentres que as mulleres poden facelo en tres ocasións.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Las donaciones de sangre aumentaron en Ames un veinte por ciento en 2011"
La Voz de Galicia: "Los amienses aumentaron más del 20 % sus donaciones de sangre"




